A Xunta inicia esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas na provincia de Ourense

Intervirase nas vías ourensás OU-525, ao seu paso polos polígonos industriais de Barreiros e de San Cibrao das Viñas, e na OU-113, nos municipios de Verín e de Laza

Continuarase coas tarefas en execución OU-301, no seu percorrido polos municipios de Xinzo de Limia, Porqueira e Bande; na OU-540, na cidade de Ourense; e na OU-636, na Pobra de Trives, Quiroga, Larouco e Petín

Proseguirán as tarefas en execución na estrada LU-540, no municipio lucense de Viveiro; na LU-541, en Vilaba e Rábade; así como na VAP CG-2.1, en Monforte e en Chantada

Seguirase con novos traballos nas estradas da provincia da Coruña AC-234 e AC-840, nos municipios de Arzúa e Melide, respectivamente; e ultimaranse os labores na PO-531, nos municipios pontevedreses de Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro 2022

A Xunta iniciará nesta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas da provincia de Ourense OU-525, ao seu paso polos polígonos industriais de Barreiros e de San Cibrao das Viñas, e na OU-113, nos municipios de Verín e de Laza. En paralelo ao inicio destas novas actuacións nestas dúas vías, proseguirase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar nas distintas estradas desta provincia e, tamén, nas de Lugo, nas da Coruña, e nas de Pontevedra.

Na provincia de Ourense continuarase cos traballos en execución na estrada OU-301, no seu percorrido polos municipios de Xinzo de Limia, Porqueira e Bande; na OU-540, na cidade de Ourense; e na OU-636, ao seu paso polo concellos da Pobra de Trives, Quiroga, Larouco e Petín.

Tamén, no caso da provincia de Lugo proseguirase coas tarefas que se están a desenvolver na LU-540, ao seu paso por Viveiro; na LU-541, en Vilaba e Rábade; e tamén cos traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte e en Chantada.

Ademais, realizaranse novos traballos de roza nas estradas autonómicas da provincia da Coruña AC-234 e AC-840, nos municipios de Arzúa e Melide, respectivamente.

Finalmente, ultimaranse as tarefas en execución na estrada PO-531 ao seu paso polos municipios de Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.
Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos realizados eliminan árbores que poderían caer á vía en caso de temporal e evitan que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da vía animais como os xabarís.

Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas da súa titularidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o pasado mes de xullo estes labores, tras renovar coa empresa pública Seaga o contrato para acometer tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.
Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia.
 

Imaxes relacionadas