A Xunta activa para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro na provincia da Coruña

Agárdase vento do suroeste forza 8 no noroeste e oeste da costa coruñesa

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro para a xornada de mañá no litoral da provincia da Coruña.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir de mañá pola mañá dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa con vento do suroeste forza 8 no noroeste e oeste da costa coruñesa. O resto do litoral galego estará en alerta amarela por temporal costeiro con vento do sur ou suroeste forza 7, rolando a oeste ou noroeste.

No oeste e suroeste da provincia da Coruña o nivel de aviso tamén será amarelo por precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 milímetros, mentres que na Mariña lucense haberá alerta amarela por vento do sur e do suroeste con rachas máximas de 80 km/h.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.