A Xunta avanza na renovación do parque móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue coa presentación da nova unidade que reforzará o servizo na área sanitaria da Coruña

Os 324.000 euros investidos nesta unidade e a adquisición dunha nova para Ourense neste ano elevarán o investimento total desta renovación a 1,5 millóns de euros nos últimos 4 anos

A persoa doante recibe agora unha mensaxe no momento no que o seu sangue é utilizado para tratar un paciente

A Coruña, 12 de febreiro de 2022

O conselleiro de Sanidade presentou hoxe a nova unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) nun acto en que reiterou o compromiso cos usuarios e usuarias do sistema público de saúde e, en concreto, cos doadores de sangue.
O titular da carteira sanitaria da Xunta fixo alusión á significativa partida orzamentaria que supuxo a adquisición deste vehículo, cun valor de 324.000 euros, e que moderniza o actual parque móbil de ADOS. Así mesmo, falou da previsión de que a unidade comece a prestar servizo a próxima semana na área sanitaria da Coruña .
O acto de presentación realizouse xunto ao Obelisco da Coruña e contou coa presenza do delegado territorial, Gonzalo Trenor; a directora da Axencia, Marisa López García; o presidente da Irmandade de Doadores de Sangue da Coruña, José Luis Castillo Couso; e o secretario da Irmandade, Miguel Ángel García Caberos.
Tanto o conselleiro de Sanidade como a directora de ADOS coincidiron en poñer de manifesto a importancia da mellora na prestación do servizo á cidadanía, lembrando que cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir adecuadamente as necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios.

Imaxes relacionadas