A execución do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra emprega un sistema de encofrado que aumenta nun 50% a produtividade no avance das obras

Este mecanismo acada rendementos de 3.000 metros cadrados ao mes, o que permite maiores progresos na execución deste proxecto estratéxico

O sistema é o de mesas de encofrado, cuxa vantaxe que é que o taboleiro e a estrutura inferior se montan unha soa vez e se moven polos andares, apoiados en rodas ou mediante unha carretilla elevadora

As mesas evitan gran parte dos movementos con grúas, co dobre resultado de redución dos riscos laborais e de aumento da produtividade

A Xunta segue avanzando a bo ritmo nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, que contan cun investimento autonómico global de 155 M€

As instalacións constan dun edificio dianteiro para consultas externas, outro traseiro para urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios e un terceiro bloque que se corresponde coa zona de hospitalización
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022

A execución do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, emprega un sistema de encofrado que aumenta nun 50% a produtividade no avance das obras.

Este mecanismo posibilita lograr rendementos de 3.000 metros cadrados ao mes na execución deste proxecto estratéxico.

As obras atópanse nunha nova fase de execución, que é a construción da estrutura, polo que este sistema de encofrado innovador, en lugar do tradicional, permite un maior progreso.

O sistema que se está utilizando é o de mesas de encofrado, cuxa principal vantaxe é que o taboleiro e a estrutura inferior se montan unha soa vez e se van movendo polas plantas, xa sexa apoiados en rodas ou mediante unha carretilla elevadora.

No seu movemento horizontal vanse xerando as lousas de cada andar do edificio hospitalario e no seu desprazamento vertical elévanse ata a seguinte planta, para crear a estrutura de formigón de cada nova altura. Deste xeito, as mesas evitan gran parte dos movementos con grúas, co dobre resultado de redución dos riscos laborais e de aumento da produtividade.

Hospital Público Gran Montecelo

A Xunta segue avanzando a bo ritmo nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros.

No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e os veciños da área dun hospital renovado e de referencia, xa que nunha segunda fase reformarase o edificio hospitalario actual, para posteriormente executar o aparcadoiro, cun investimento de 25 millóns de euros.

As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

O Goberno galego, a través deste proxecto, aposta por mellorar a atención hospitalaria, que actualmente se presta en tres centros afastados: o Centro de Especialidades de Mollavao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.

 

Imaxes relacionadas