A Xunta de Galicia supera os 4,1 millóns de certificados covid emitidos

As oficinas de farmacia integraron nos rexistros da Xunta o resultado das probas de autotest dun total de 102.401 persoas, das que 3.964 tiveron un resultado positivo

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia emitíu un total de 4.142.402 certificados covid. Deles, 3.965.558 foron certificados de vacinación, 123.376 foron certificados de resultado de proba diagnóstica e outros 53.468 certificados de ter superado a enfermidade.
Ademais, e tras aprobarse por parte do Goberno de España a venda de autotest nas oficinas de farmacia, a Xunta de Galicia asinou, co obxectivo de evitar unha maior carga asistencial na atención primaria, un acordo cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde. Até o día de hoxe, as oficinas de farmacia rexistraron os resultados das probas dun total de 102.401 persoas, que permitiron localizar a 3.964 persoas con resultado positivo.