A Atriga habilitará desde o luns nas súas delegacións o pago de impostos a través dun TPV físico

Poderase realizar o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados

Os cidadáns poderán efectuar o pago cunha tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria e sen comisión de utilización para o contribuínte
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) habilita desde este luns a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.

Os cidadáns poderán realizar este pago mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte- no mesmo momento no que están a realizar a presentación dos impostos e coa mesma cita que soliciten para ser atendidos de xeito presencial en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo).

Esta nova canle de pago ten como obxectivo facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos cidadáns, evitando os desprazamentos ás entidades bancarias co conseguinte aforro de tempo e custes na realización dos trámites tributarios.

Ademais, a medida enmárcase nas actuacións desenvoltas pola Axencia Tributaria de Galicia para reforzar e avanzar na información, e simplificar a asistencia a todos os cidadáns. No ano 2021, a Atriga xestionou un total de 34.617 declaracións susceptibles de ser pagadas a través dun TPV físico nas súas delegacións.

TPV virtual

A implantación deste novo servizo súmase ao TPV virtual que entrou en funcionamento no ano 2021 e universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line-a través da Oficina Virtual Tributaria- cunha tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade os seus tributos.
A súa implantación responde ao obxectivo da Atriga de mellorar e incrementar a proximidade dos servizos que se ofrecen aos contribuíntes, facilitándolles a tramitación en liña e o cumprimento das súas obrigas tributarias con seguridade, e co conseguinte aforro de tempo e diñeiro. Desde a súa implantación no mes de agosto de ano pasado ata o 31 de decembro efectuáronse máis de 77.600 operacións.
 

Imaxes relacionadas