A Xunta lembra aos concellos galegos que poden solicitar preto de 1,1M€ en axudas para mellorar os servizos básicos nas aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais

Esta nova liña de achegas da Consellería do Medio Rural persegue financiar actuacións como a mellora das redes de alumeado público, a pavimentación de vías municipais ou a dixitalización de núcleos rurais cos obxectivos de xerar emprego e fixar poboación

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022

A Xunta lembra aos concellos galegos que aínda poden solicitar -deica o 25 de febreiro- as subvencións da Consellería do Medio Rural dirixidas a levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria. Promovida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a convocatoria conta cun orzamento de 1.093.333 euros, para executar neste ano 2022.

Así, a Xunta busca propiciar a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a implantación e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas que se localicen nesas áreas rurais.

As axudas serán subvencións directas de capital e o procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Os beneficiarios serán aqueles concellos nos que se teña declarado unha aldea modelo ou iniciado o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal.

Entre as actuacións que serán obxecto de apoio figuran a instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público; a construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos como prazas, paseos, rúas ou parques infantís e a pavimentación de vías públicas municipais. Tamén se contempla a rehabilitación de elementos patrimoniais tales como fontes, lavadoiros, muíños ou hórreos; a implantación e mellora de servizos asistenciais para a infancia ou os maiores; a dotación ou mellora de servizos culturais ou a dixitalización de núcleos rurais, entre outras accións.

No marco da Lei de recuperación

Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), as achegas convócanse no contexto da aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. En vigor desde o pasado mes de maio, dita norma ten como finalidade loitar contra o abandono e contra a infrautilización das terras, facilitando base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan.

Á súa vez, o texto legal procura anticiparse aos incendios forestais e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.


Enlace á resolución no DOG, publicada o pasado 25 de xaneiro:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220125/AnuncioO90-301221-0005_gl.html

Para máis información sobre a convocatoria, premer aquí:
https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda/mercados-municipais/