A Xunta destaca o compostelán Noroeste Obradoiro como exemplo de deseño e innovación nos oficios artesanais

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá a tenda taller, gañadora do Premio Nacional de Artesanía 2021 na categoría Produto

Santiago de Compostela, 11 de febreiro 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá en Santiago de Compostela a tenda taller de xoiería artesanal Noroeste Obradoiro, gañadora do Premio Nacional de Artesanía 2021 na categoría de Produto. Durante a visita, na que estivo acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, Heredia destacou que Noroeste constitúe un exemplo de como a innovación e o deseño se poden aplicar a oficios de fonda tradición en Galicia como é o da xoiería.

Noroeste Obradoiro recibiu a finais de 2021 o Premio Produto dos Premios Nacionais de Artesanía por Línea, unha colección de xoias que reflicten a filosofía de traballo da titular deste obradoiro compostelán, Jose Castro. As pezas están inspiradas no concepto da liña, simple ou composta, recta ou curva, orgánica pero deixando sempre presente o valor da simplicidade xeométrica e unha textura delicada sobre o metal, ouro ou prata. A colección é un conxunto de colares, pulseiras e pendentes en ouro, prata e mixtos, ocasionalmente con mínimos engadidos de pequenas pedras de cor ou diamantes en engastes sinxelos.

Noroeste Obradoiro xa resultara gañador do Premio Artesanía de Galicia 2016 pola súa peza Voluta Volutidae. O xerme desta empresa artesá é a Galería Noroeste, fundada polo xoieiro Antonio Ibáñez en 1994 no casco antigo de Compostela. A vinculación de Jose Castro con Noroeste comeza antes mesmo da súa formación en xoiería. Estuda Bacharelato artístico en Estados Unidos e despois continúa a formación en Londres, Barcelona e Canadá. As súas primeiras pezas de xoiería expóñense na Galería Noroeste, da que no ano 2011 Jose Castro se fai socia e codirectora. Con Antonio Ibáñez crea un espazo novo no que se unifica a galería cos seus respectivos talleres persoais unindo a creación, manufactura e venda das súas pezas en Noroeste Obradoiro no ano 2013.

Imaxes relacionadas