Trenor destaca no Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia a importancia da concienciación no eido escolar para fomentar as vocacións científicas entre as alumnas

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou o CPI Armando Cotarelo Valledor beneficiario dunha orde de axudas da Consellería de Emprego e Igualdade para a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara ás mulleres

Boimorto (A Coruña), 11 de febreiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o CPI Armando Cotarelo Valledor para manter un encontro cos representantes da súa AMPA. Trenor felicitou a este equipo polo seu proxecto “Boimorto máis violeta ca nunca” que contou cunha achega de 3.000 euros para poñer en marcha varias actuacións, dirixidas ao alumnado, de concienciación sobre a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara ás mulleres. Neste senso, destacou especialmente a actividade Con Ciencia de Muller, dirixida a mostrar de forma lúdica referentes femininos de éxito no eido científico.

Trenor apuntou que “coincidindo con Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia é moi importante seguir visibilizando o labor científico levado a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas”. Por outra banda, con este tipo de actividades, apoiadas pola Xunta, preténdese poñer de manifesto o feito de que moitas mulleres pertencentes a diferentes culturas, países, clase, etnia e condición fixeron grandes aportacións á ciencia desde os espazos que conseguiron ocupar.
O representante do Goberno autonómico subliñou que no ano 2015, a ONU estableceu este Día Internacional para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e na tecnoloxía. A finalidade é lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para garantir a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.
 

Imaxes relacionadas