O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias trasladou aos integrantes da Cooperativa O Rodo e a outros interesados o funcionamento da aplicación

A Xunta explica en Rodeiro as posibilidades que ofrece a ferramenta Conta Láctea para axudar os gandeiros na negociación dos prezos do leite

Esta aplicación informática foi creada polo Goberno galego xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo e tamén está concibida para facilitar a xestión empresarial das explotacións

Balseiros recordou que a Xunta propón ao Estado que propicie un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros de vacún de leite -como xa fixo o Goberno italiano- para o establecemento dunha prima de emerxencia estable de ata catro céntimos por litro de leite, para paliar as dificultades dos gandeiros pola suba dos custos de produción


O director xeral, que estivo acompañado polo delegado da Xunta, coñeceu o funcionamento dun carro mesturador da cooperativa, que se beneficiou de máis de 1,4 millóns de euros en axudas da Consellería, entre elas as de maquinaria de uso en común

Lembrou que están abertos os prazos para solicitar as axudas da PAC, cun orzamento duns 210 millóns de euros, e as achegas para plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións, dotadas con 37,5 millóns de euros
 

Rodeiro (Pontevedra), 11 de febreiro de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou hoxe a integrantes da Cooperativa O Rodo e outros interesados da zona sobre o funcionamento de Conta Láctea, a nova aplicación informática para o cálculo de custos de produción nas granxas de vacún de leite. Na xuntanza explicou o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática creada xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.
Así, o director xeral resaltou que a principal finalidade de Conta Láctea (enlace de acceso: https://www.contalactea.gal/pladel/) é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros ante as industrias. Para acadar estes obxectivos, a ferramenta permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender. Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos datos obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para que o empreguen os gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, sexa superior ao custo de produción, como ocorre en calquera empresa.
A presentación de hoxe forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.

Neste contexto, José Balseiros recordou que a Xunta propón ao Estado que propicie un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros de vacún de leite para o establecemento dunha prima de emerxencia estable de ata catro céntimos por litro, tal e como xa fixo o Goberno de Italia. O obxectivo é paliar as dificultades que están a atravesar os produtores polo incremento dos custos de produción.

Axudas destacables

O director xeral tamén aproveitou este encontro para lembrarlles aos agricultores e gandeiros asistentes que está aberto o prazo para solicitar as axudas da Política Agraria Común, que na convocatoria desta ano 2022 contan cun orzamento duns 210 millóns de euros, dos cales 170 millóns de euros correspóndense cos pagamentos directos da PAC e 40 millóns coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema Integrado de Xestión e Control.

Así, José Balseiros sinalou que os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única ata o 30 de abril, accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás distintas entidades colaboradoras, entre elas as Oficinas Agrarias Comarcais e as máis de 50 entidades bancarias ou de aconsellamento que se encargarán de tramitar ditas solicitudes de subvención.

Tamén lembrou que está aberto o prazo o para solicitar as subvencións destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, cun orzamento global de 37,5 millóns de euros. Os interesados, apuntou o director xeral, teñen de prazo ata o vindeiro 9 de marzo para presentar as solicitudes.

Cooperativa O Rodo

Nesta visita, José Balseiros e o delegado da Xunta en Pontevedra coñeceron o funcionamento dun carro mesturador propiedade da cooperativa, que foi beneficiaria nos últimos anos de varias axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) e xestionadas pola Consellería do Medio Rural, por un importe total que supera os 1,4 millóns de euros. Entre elas destacan as achegas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo.
 

Imaxes relacionadas