Cardiólogos, médicos de Atención Primaria e de Urxencias reúnense para ultimar o novo protocolo do programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio

Impulsado polo Sergas, foi un dos primeiros programas deste tipo implantados en España e a día de hoxe está recoñecido como un dos mellores a nivel nacional e europeo

O obxectivo de Progaliam é mellorar a expectativa e calidade de vida do paciente con infarto agudo, así como promover a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario, independentemente da situación xeográfica do doente
 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022

Esta mañá cardiólogos, médicos de primaria e de urxencias reuníronse na Consellería de Sanidade para ultimar o novo protocolo do Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (PROGALIAM). O programa púxose en marcha en 2005 impulsado polo Sergas e foi un dos primeiros en implantarse en España. Durante todos estes anos o programa foise consolidando e está recoñecido como un dos mellores a nivel nacional e europeo.

O obxectivo de PROGALIAM é mellorar a expectativa e calidade de vida do paciente con infarto agudo de miocardio, así como promover a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario, independentemente da situación xeográfica do doente. A atención neste tipo de casos, nos que o tempo xoga un papel fundamental, precisou da creación dunha rede asistencial que foi posible grazas á participación coordinada de numerosos profesionais de distintos ámbitos, principalmente 061, atención primaria, cardioloxía, urxencias, medicina intensiva e a propia administración sanitaria.

Desde xuño de 2015, a actividade de PROGALIAM recóllese no Rexistro galego do infarto agudo de miocardio (REGALIAM) cos datos dos pacientes atendidos nos centros do Sergas, Povisa e polo 061.
Analizando os datos dende a posta en marcha do rexistro ata finais do ano 2019, atendéronse 5.223 de casos totais, cunha idade media 64 anos, sendo un 75,7 % deles varóns. Entre os factores de risco máis frecuentes están o tabaquismo (cun 58,2%); a dislipemia, que é unha alteración dos niveles de lípidos no sangue e acada o 51,7%; e a hipertensión arterial (49,7%).

O tempo medio transcorrido dende o inicio dos síntomas ata a reperfusión coronaria (a restauración da subministración sanguínea no tecido cardíaco danado) reduciuse en 12 minutos dende o ano 2015 ata o ano 2019, pasando de 206 a 194 minutos.

A vista dos resultados, a actividade dos primeiros anos de PROGALIAM indica que a pesar da dispersión poboacional e a complexidade orográfica de Galicia, é posible tratar aos pacientes que sofren infarto agudo de miocardio de xeito rápido e seguro ata chegar á sala de hemodinámica do hospital, logrando unha baixa mortalidade grazas, fundamentalmente a unhas elevadas taxas de reperfusión coronaria.
 

Imaxes relacionadas