Luis López garante o “máximo apoio” da Xunta a Protección Civil de Vila de Cruces para a súa atención cidadá

O delegado territorial en Pontevedra visitou a sede da agrupación para coñecer o seu funcionamento e necesidades e mantén un encontro con algúns dos seus 20 integrantes, aos que agradeceu o seu “traballo altruísta e desinteresado a prol da sociedade”

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior fixo achegas nos últimos anos por 60.000€ para os seus gastos de funcionamento e para adquisición de material, como un desfibrilador ou un vehículo pick-up xa concedido e pendente de fixar a data de entrega

Vila de Cruces, 11 de febreiro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, garantíu o “máximo apoio” da Xunta de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vila de Cruces para seguir impulsando os seus servizos de atención cidadá e xestión das emerxencias.
O representante autonómico acudíu esta mañá á sede da entidade, acompañado do xefe provincial de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois, do alcalde cruceño, Luis Taboada, e doutros representantes municipais, para coñecer o seu funcionamento e necesidades e manter un encontro con algúns dos seus 20 integrantes.
“Esta agrupación traballa de xeito exemplar para dar cobertura aos máis de 5.000 cidadáns de Vila de Cruces e ás súas case 30 parroquias, que o configuran como un dos máis extensos da provincia, e incluso colabora cando se lle pide máis aló dos seus límites territoriais. Ademais, ten unha evolución e unha traxectoria que a converteron nunha das agrupacións máis activas da provincia grazas ao esforzo, profesionalidade e adicación dos seus compoñentes e ao apoio da Xunta de Galicia”, detallou Luis López, que agradeceu aos voluntarios o seu “inxente traballo altruísta e desinteresado a prol da sociedade”.
Protección Civil de Vila de Cruces recibíu, ao longo dos últimos anos, unhas achegas por valor de 60.000 euros da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os seus gastos de funcionamento anual e para a adquisición de material, como un desfibrilador e un vehículo pick-up para a atención de emerxencias que xa está concedido e que ten pendente de fixar a súa data de entrega.

Imaxes relacionadas