Galicia superará as 110 casas do maior antes de que remate o ano

O DOG publica hoxe a nova convocatoria de axudas para a apertura de 30 novos centros que se sumarán aos 83 xa en funcionamento

O Goberno galego ofrece 150 prazas públicas de atención diúrna en concellos sen centro de día
 

Val do Dubra (A Coruña), 11 de febreiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá a casa do maior de Val do Dubra onde anunciou que Galicia superará os 110 destes centros antes de que remate o ano. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria para crear 30 novas casas do maior que se sumarán ás 83 xa en funcionamento.

A conselleira destacou que deste xeito poranse a disposición dos concellos sen centro de día 150 prazas gratuítas de atención próximas ás súas casas. A nova orde conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros o que permitirá, ademais da posta en marcha destas novas unidades, incrementar en 5000 euros a axuda ás casas do maior máis lonxevas.

Aqueles centros abertos no ano 2019 incrementarán a axuda anual para o seu funcionamento ata chegar aos 24.200 euros ao ano, ao que hai que sumar un pagamento para os gastos derivados do transporte das persoas maiores. Así mesmo, esta nova convocatoria contempla as novidades incluídas na última orde como ampliar o perfil do usuario, que xa non precisa ter un grao de dependencia recoñecido.
 

Imaxes relacionadas