Lorenzana: "A Xunta está a traballar para que as mulleres lideren o coñecemento e a investigación"

No día internacional da muller e da nena na ciencia, a conselleira de Emprego e Igualdade presidiu o pleno da Unidade Muller e Ciencia ante o que referendou o compromiso da Xunta coa igualdade neste ámbito

Galicia conta cunha lei pioneira con medidas para que a maternidade ou a conciliación non penalice ás carreiras das científicas

O Goberno galego está a traballar no III Programa Muller e Ciencia 2021-2025 que xa reuniu catro mesas de traballo e que incluirá as aportacións de mulleres referentes

O segundo programa desenvolvido entre 2016 e 2021 propiciou a incorporación de 524 mulleres á investigación e o ascenso doutras 20 a postos directivos

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe o pleno da Unidade Muller e Ciencia, ante o que referendou o compromiso da Xunta para “garantir a igualdade no eido da investigación e da universidade” coincidindo coa conmemoración do día internacional da muller e da nena na ciencia. No acto lembrou que Galicia é “punta de lanza” por contar coa chamada lei Ángeles Alvariño apoiada unanimemente polo Parlamento, que introduce medidas para que a maternidade ou a conciliación non penalicen as carreiras das científicas.
“Estamos a traballar para que as mulleres ocupen o verdadeiro lugar que lles corresponde, liderando o coñecemento e a investigación en todos os seus ámbitos”, afirmou a conselleira, quen reivindicou o traballo constante da Unidade Muller e Ciencia para incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia. Nesta liña indicou que o III Programa Muller e Ciencia (2021-2025), que inclúe como novidade o seu carácter participativo, está a punto de ver a luz.
O III programa terá como eixos principais dar visibilidade a labor e traballo das mulleres na ciencia e na tecnoloxía; apoiar a igualdade no acceso e promoción a estas carreiras; promover a igualdade nas institucións e nas empresas; e facer seguimento e avaliación. Estes obxectivos, tal e como se trasladou no pleno de hoxe, concretaranse en 50 medidas coas que se realizará divulgación, formación, asesoramento na elección de vocacións e se potenciará o liderado feminino.
A Unidade Muller e Ciencia creouse hai 15 anos co obxectivo de situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. Está integrada por representantes da Consellería de Emprego e Igualdade; Economía, Empresa e Innovación; Cultura, Educación e Universidade; Sanidade; a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así como por mulleres expertas no eido social, educativo, científico e tecnolóxico. Este ano modificarase o seu decreto de creación para actualizar a súa composición e obxectivos, para dar resposta a novos como a integración na mesma das universidades públicas galegas e do movemento asociativo feminino.
Entre as súas finalidades atópase a de poñer en marcha os programas galegos de muller e ciencia. Concluídos o I e o II, a Xunta promove o III programa (2021-2025), para o que está a contar coa participación de mulleres do ámbito científico e tecnolóxico de Galicia a través de mesas de traballo e enquisas sobre as súas percepcións e experiencias.

Balance do II programa

Na súa anterior edición ( 2016-2020) o programa promovido pola Unidade Muller e Ciencia tivo impacto directo na carreira profesional de 544 mulleres: 524 incorporáronse ao ámbito investigador e 20 conseguiron unha promoción para desenvolver postos de carácter directivo. O balance evidencia a súa efectividade cara a avanzar na presenza feminina nestes sectores e na rotura das fendas de xénero inda existentes.
Grazas a esta iniciativa, á que se destinaron 242 millóns nos seus cinco anos de vixencia, Galicia desenvolveu máis dun cento de actuacións por parte de diferentes departamentos da Xunta, que alcanzaron a máis de 10.000 persoas de diferentes colectivos.
As accións estiveron dirixidas principalmente ao eido escolar e universitario e permitiron, entre outras finalidades, a formación de docentes; incentivar as vocacións das nenas cara á ciencia; e emprender proxectos para favorecer o encontro de mozos e mozas con mulleres destacadas de sectores tradicionalmente masculinizados.

Imaxes relacionadas