A Xunta e Cervo comprométense a colaborar para velar pola disciplina urbanística no concello

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, confirmaron a importancia de manter unha colaboración continua para garantir un uso sostible e ordenado do territorio e velar pola disciplina urbanística no concello.

O director da APLU e o alcalde mantiveron unha reunión esta semana na sede da Axencia, na que aclararon dúbidas en canto ás competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística.

Jacobo Hortas brindoulle a experiencia técnica dos responsables e técnicos da Xunta para aclarar todas aquelas cuestións nesta materia e que afecten ao municipio. Ambos representantes consideraron moi positivo reforzar lazos de colaboración e manter un contacto permanente.

Nese sentido, o director recordou que a Xunta presta aos concellos funcións de asesoramento e emisión de informes sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente en materia de urbanismo; polo que reiterou que os servizos e portas da Axencia estarán sempre abertas para resolver as dúbidas e inquedanzas de Cervo.

Imaxes relacionadas