A Xunta detecta unha obra de canalización de augas sen autorización en San Xiao de Cebreiro, no Pino

Os axentes medioambientais levantaron acta dos feitos e deron trasladalo a Augas de Galicia para a súa avaliación e, no seu caso, a adopción das medidas oportunas

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

A Xunta detectou unha obra para a canalización das augas sen a autorización correspondente e necesaria na parroquia de San Xiao de Cebreiro, no concello do Pino

Os axentes medioambientais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda identificaron unha actuación nun rego que afecta á canle —dominio público hidráulico— e ás zonas de servidume e policía.

Á vista dos feitos, levantaron acta para dar traslado aos servizos de Augas de Galicia para a avaliación e comprobación dos feitos e proceder, no seu caso, á adopción das medidas oportunas, de constatarse unha infracción da protección do dominio público hidráulico.

Os feitos detectados consistían no entubado de drenaxe para eliminación de regato de augas públicas —sen autorización—, coa intención de unir dúas fincas limítrofes.

Imaxes relacionadas