A Xunta reorganiza desde este luns as liñas de autobús que conectan A Coruña cos núcleos de Peiro, Orro e Bregua, no concello de Culleredo

A liña circular que une actualmente Entrexardíns e estes núcleos de Culleredo substitúese por dous novos corredores que cubrirán a totalidade do percorrido: un pola zona de Celas e outro pola de Ledoño

A nova configuración dos servizos, acordada co Concello, contará con frecuencias cada hora en ambos os sentidos, alternando durante toda a xornada o seu paso por Celas e por Ledoño

Ademais de mellorar os servizos, evítase que os usuarios destes núcleos teñan que aboar dous billetes para viaxar á Coruña
 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022.- A Xunta reorganizará desde o vindeiro luns, día 14 de xaneiro, as liñas de autobús que conectan A Coruña cos núcleos de Peiro, Orro e Bregua, no concello de Culleredo.

O conxunto de adaptacións deseñadas pola Xunta e acordadas co Concello de Culleredo melloran a configuración do transporte público entre estes núcleos de poboación e a cidade da Coruña. Evitan, ademais, que os usuarios do Casal, Sésamo, Celas e Ledoño teñan que abonar os dous billetes que estaban a asumir nas súas viaxes cara á cidade. Ao ser unha liña circular, ata agora, os viaxeiros destes núcleos que chegaban á última parada do servizo debían pagar un segundo billete no reinicio da liña.

A partir do vindeiro luns, a liña circular actual que une Entrexardíns e os tres núcleos de Culleredo substituirase por 4 novas liñas, con cabeceiras en Entrexardíns e Peiro. Todas estas novas liñas compartirán itinerario entre as paradas de Entrexardíns e Tarrío, pero dúas delas cubrirán a zona de Ledoño e outras dúas atenderán a zona de Celas. Deste xeito, os dous novos corredores darán servizo á totalidade do percorrido polo que discorre a liña actual.

A nova configuración dos servizos de autobús manterá unha frecuencia cada hora en ambos os sentidos, das 06,25 horas ás 22,20 horas, alternando durante toda a xornada o seu paso pola zona de Celas, nas horas pares; e de Ledoño, nas horas impares.

Como parte desta reorganización, os núcleos de poboación de Bregua e de Orro amplían a cobertura horaria dos servizos, que se desvían para atender estas localidades. Ademais, no caso de Orro increméntase unha expedición máis ao día.

Para optimizar a prestación dos servizos ao longo de toda a xornada, faise preciso implantar pequenos axustes de 5 ou 10 minutos nalgúns horarios.

Nas fins de semana créase unha liña en cada sentido con cabeceiras en Tarrío e en Entrexardíns que inclúe no seu itinerario todas as localidades da zona.

A información relativa a esta reorganización dos servizos de autobús poderá consultarse na páxina web www.bus.gal.
 

Imaxes relacionadas