A Xunta avanza na rede de camiños secundarios da parcelaria de Troáns - Sector II, no concello de Cuntis

O orzamento para a execución destes traballos ascende a preto de 250.000 euros e o prazo para levar a cabo estas obras remata este ano

Esta parcelaria reorganizou unha superficie de case 150 hectáreas, pasando de case 3.000 parcelas iniciais a 717 predios finais

Santiago de Compostela, 11 de febreiro do 2022

A Consellería do Medio Rural avanza na rede de camiños secundarios da zona de concentración parcelaria de Troáns - Sector II, no concello pontevedrés de Cuntis, cunha inversión de case 250.000 euros. Así, as obras están previstas que finalicen ao longo deste ano 2022.
Esta parcelaria, que está actualmente en fase de acordo, reorganizou unha superficie de case 150 hectáreas. Así, das preto de 3.000 parcelas iniciais reestruturouse a terra en 717 predios finais propiedade de 440 veciños. Desta forma, mellorouse a estrutura territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.
Para este ano 2022, a Xunta ten un orzamento duns 12 millóns de euros para seguir traballando nos procesos de concentración parcelaria, posto que son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, a día de hoxe quedan 94 procesos abertos, pero en 57 deles os veciños xa poden facer uso das novas parcelas, e outros cinco que se decretaron no ano 2021 nos concellos de Outeiro de Rei, Ordes, Friol e Castro de Rei.
Ademais, a través da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia seguiranse impulsando estes procesos á vez que se aposta tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Precisamente, xa se declarou o inicio dos dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública en Galicia, concretamente nos municipios ourensáns de Oímbra e Cualedro.