A Xunta e PEFC Galicia colaboran para aumentar a superficie forestal certificada baixo este selo na nosa Comunidade

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal reuniuse co presidente de PEFC Galicia para analizar -entre outras cuestións- as perspectivas de crecemento que ofrece a certificación de producións dos montes como o mel ou os produtos gandeiros

A Xunta acadou a certificación forestal baixo este selo en case 500 montes baixo a súa xestión, que suman 139.000 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro do 2022

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, vén de reunirse co presidente de PEFC Galicia, Enrique Valero, para tratar as perspectivas de crecemento da superficie certificada baixo este selo na nosa comunidade. Entre outras cuestións, analizaron as posibilidades que ofrece a certificación de producións dos montes como o mel ou os produtos gandeiros, que presentan grandes oportunidades comerciais xa que os consumidores demandan cada vez máis garantías da sustentabilidade dos produtos que mercan.

PEFC é un dos dous selos de certificación da xestión forestal sustentable máis implantados a nivel mundial, con máis de 300 millóns de hectáreas certificadas en 51 países. A Xunta, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, mantén o certificado PEFC en 491 montes baixo a súa xestión -maioritariamente montes veciñais en man común en convenio co Goberno galego- que suman unha superficie de 138.871 hectáreas. Isto supón que case a metade da superficie certificada en Galicia por PEFC está baixo xestión pública.

Esta superficie continuará a crecer nos próximos anos pois a Xunta inclúe automaticamente no seu Sistema de Xestión Forestal Sostible aqueles montes xestionados por ela que dispoñen dun instrumento de ordenación e xestión forestal. A listaxe dos montes ou Unidades de Xestión Forestal incluídos no sistema actualízase mensualmente e pode consultarse no seguinte enderezo: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/planificacion-e-ordenacion-forestal/certificacion-forestal. Doutra banda, no Sistema de Indicadores da Administración Forestal, accedendo ao apartado de Montes de Xestión Pública, pode consultarse en gráficas e táboas a evolución anual e distribución espacial das superficies: https://indicadores-forestal.xunta.gal/portal-bi-internet/dashboard/Dashboard.action.

Cabe engadir que a certificación forestal sustentable garante -ao máximo nivel, a través dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial (FSC e PEFC)- que a xestión dos bosques dos que proveñen estes produtos é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Compromiso da Xunta

A xestión forestal sostible certificada por terceiros independentes é un camiño ineludible para os xestores de propiedades forestais de cara a xustificar ante a sociedade que as súas accións mellorarán o estado dos nosos bosques. Ademais, a madeira e outros produtos obtidos de bosques certificados garanten ao consumidor -a través do selo que figura neles- a súa sustentabilidade.

Así, esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Ademais, no marco do Plan forestal de Galicia 2020-2040 “Cara á neutralidade carbónica” apóstase por incrementar esta certificación nos montes galegos. Así, búscase acadar que unhas 650.000 hectáreas dispoñan da certificación forestal mediante calquera dos sistemas recoñecidos internacionalmente de aquí ao fin dese período.
 

Imaxes relacionadas