Preto de 1.700 empregados públicos cambiarán voluntariamente de posto de traballo pola súa participación no concurso de traslados da Xunta

Este é o maior concurso de traslados na historia da Administración autonómica con máis de 1.900 prazas ofertadas e preto de 3.600 participantes

A través dos concursos de traslados o Goberno galego garante a mobilidade dos empregados públicos
 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022

Un total de 1.682 empregados públicos da Xunta cambiarán voluntariamente de posto de traballo pola súa participación no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración Xeral.

A Dirección Xeral da Función Pública publica hoxe na súa web a adxudicación de postos aos empregados públicos que participaron neste concurso de traslados. A resolución publicarase tamén no Diario Oficial de Galicia (DOG) a vindeira semana.

Este é o maior concurso de traslados da historia da Administración autonómica con 1.921 prazas ofertadas –un 46% máis respecto á anterior convocatoria- e 3.587 participantes. Sen embargo, as posibilidades de mobilidade son maiores porque as prazas dos funcionarios que obteñen destino son posteriormente ofrecidas aos funcionarios en función das súas preferencias. Polo tanto, o persoal funcionario pode obter non só as 1.921 prazas que se ofrecen, senón tamén aquelas que deixan vacantes os empregados públicos que obteñen praza.

Este concurso afecta aos cinco grupos do Corpo da Administración Xeral: o corpo superior (A1), de xestión (A2), de administrativos (C1), auxiliar (C2) e agrupación profesional –o antigo corpo subalterno-.

Un procedemento moi demandado

O concurso de traslados é un procedemento moi demandado polos empregados públicos. A través deste proceso a Administración cubre os postos de traballo vacantes, e o persoal funcionario pode cambiar voluntariamente do seu posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias.

Grazas ao concurso de traslados, un empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo así os seus desprazamentos diarios ao posto de traballo e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Ademais, tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel.

A través dos concursos para a provisión de postos de traballo, a Xunta garante o dereito á mobilidade dos empregados públicos, toda vez que non supón aumento de custos dado que todas as prazas están dotadas orzamentariamente e a provisión faise precisamente con empregados da propia Administración.