A Xunta colabora coa comunidade de usuarios de Augas de Cebreiro, na Cañiza, para a mellora da rede e a instalación de contadores en 59 vivendas

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as obras realizadas ao abeiro da orde de axudas destinadas ás asociacións de veciños e de mulleres rurais e ás comunidades de usuarios de augas de Galicia

A Xunta elevou este ano nun 20%, ata os 3M€, a contía destas achegas que teñen como obxectivo colaborar co tecido asociativo galego para mellorar a calidade de vida da veciñanza
 

A Cañiza (Pontevedra), 10 de febreiro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, comprobou na Cañiza as obras levadas a cabo pola Comunidade de Usuarios Traída Augas de Cebreiro para a mellora da rede e a instalación de contadores en 59 vivendas.

As obras consistiron na revisión e reparación da rede de distribución de auga potable e na mellora da xestión da traída coa instalación de contadores en todas as vivendas dos lugares de Cebreiro, Sendín, O Cocho e O Cotiño. Para estas actuación, a Comunidade de Usuarios Traída Augas de Cebreiro contou cunha achega de 12.000 euros da Xunta ao abeiro da orde de axudas destinadas ás asociacións de veciños e de mulleres rurais e ás comunidades de usuarios de augas de Galicia.

Co obxectivo de potenciar as accións comunitarias que redunden nunha mellora da calidade de vida da veciñanza e na optimización dos servizos compartidos, a Xunta vén de incrementar este ano nun 20% o orzamento desta liña dirixida ao tecido asociativo, ata chegar aos 3 millóns de euros. A contía das axudas pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.

As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais. No caso das comunidades de usuarios de auga deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de augas como titulares do aproveitamento das augas para o que solicitan a subvención.

O prazo para presentar solicitudes aínda está aberto, xa que remata un mes despois da publicación da orde, o pasado 14 de xaneiro, no Diario Oficial de Galicia.
 

Imaxes relacionadas