A Xunta e RTVE achéganlles ás empresas galegas de animación as claves da coprodución de series infantís

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, abriu a sesión informativa impartida por Yago Fandiño, director de Clan e de Contidos Infantís de RTVE, sobre a selección de novos proxectos para as cadeas e medios dixitais da compañía pública

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

As series infantís de animación centraron a primeira sesión de 2022 de Galicia ProFilme, programa formativo da Xunta para profesionais da industria audiovisual galega, que tivo lugar esta tarde na Cidade da Cultura. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, foi o encargado de abrir este encontro con Yago Fandiño, director de Clan e de Contidos Infantís de RTVE, no que se abordaron as claves da convocatoria da compañía pública para a coprodución de series infantís de animación.

Asistiron a el profesionais dalgunhas das principais empresas dedicadas a este xénero en Galicia que, como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, contan xa con antecedentes de éxito na coprodución coa compañía pública estatal. É o caso de Tutú, primeira serie galega de animación en 3D, para a que Ficción Producións contou ademais con axuda da Xunta.

Referiuse tamén ao talento e capacidade que conxugan os profesionais da animación na nosa Comunidade, como reflicten dúas das candidaturas aos Premios Goya 2022: Valentina, de Abano Producións con dirección de Chelo Loureiro, na categoría de mellor longametraxe de animación, e The Monkey, do realizador Xosé Zapata xunto a Lorenzo Degl’Innocenti, na de mellor curta de animación. Sutil aproveitou a presenza de ambos na sesión para felicitalos publicamente e desexarlles sorte na gala de entrega deste sábado.

Pola súa banda, Yago Fandiño afondou no funcionamento da convocatoria que RTVE mantén aberta ata o vindeiro 15 de marzo. A través dela, a compañía pública busca formatos atractivos de series de animación para idades de entre 0 e 14 anos, que acheguen novos enfoques e sensibilidades. Valoraranse especialmente as propostas con personaxes carismáticos que xeren emocións, o humor inocente e sinxelo para o público máis pequeno e as referencias positivas á cultura popular para os máis maiores, así como a promoción de valores como a igualdade, o pensamento crítico, a convivencia, os hábitos saudables ou a protección do medio ambiente.

Imaxes relacionadas