A Xunta aproba unha nova convocatoria de casas niño para superar os 100 centros repartidos polos concellos rurais de Galicia

Feijóo salienta o investimento de 1 M€ na creación de 60 novas prazas que dan lugar a 12 novas casas niño

Pon en valor que esta iniciativa tivo unha acollida excepcional e se converteu nun símbolo do rural e da conciliación

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou unha nova convocatoria de casas niño para superar os 100 centros repartidos polos concellos rurais de Galicia.

“Financiamos 60 novas prazas que dá lugar a 12 novas casas niño”, salientou, ao tempo que engadiu que o Goberno galego habilita un investimento de máis de 1 millón de euros. Dese financiamento, 180.000 euros serán para obras de adecuación da casa niño –15.000 € por cada unha delas- e 860.000 para o funcionamento diario da casa -21.560 € anuais por cada centro-.

Logo de lembrar que a Xunta xa apoiou a posta en marcha de 89 casas niño, que ofrecen 445 prazas 100% gratuítas, Feijóo puxo en valor que esta iniciativa tivo “unha acollida excepcional” e se converteu nun “símbolo do rural e da conciliación”.

O presidente da Xunta incidiu en que, ademais desta iniciativa que ofrece unha atención gratuíta e personalizada de luns a venres a 5 nenos de ata 3 anos durante un máximo de 8 horas diarias nun horario flexible, Galicia tamén conta con outras medidas para axudar ás familias que toman a decisión de ter fillos como o Bono Coidado, a Tarxeta Benvida ou a gratuidade das escolas infantís para todos os nenos a partir do vindeiro curso.

Imaxes relacionadas