Feijóo salienta o incremento do 23% no orzamento dos obradoiros duais e o aumento do período contractual dos 9 aos 12 meses

Esta iniciativa permitirá chegar a 1.600 persoas sen emprego e desenvolver máis de 80 programas para incrementar as oportunidades laborais dos participantes

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, que os obradoiros duais contarán este ano cun incremento do orzamento do 23%, ata superar os 42 millóns de euros, e que aumentarán a duración do período contractual dos 9 aos 12 meses.

Esta iniciativa permitirá chegar a 1.600 persoas sen emprego e desenvolver máis de 80 programas para incrementar as oportunidades laborais dos participantes. Deste xeito, o alumnado destes obradoiros duais poderá mellorar a súa empregabilidade tras recibir formación teórica e práctica da man de expertos; desenvolver actuacións de interese xeral e social; colaborar con entidades locais e, ao rematar, recibir un certificado de profesionalidade e un contrato de traballo a xornada completa nunha empresa da contorna por 3 meses.

“Polo tanto, a Comunidade financia o 100% do salario durante 12 meses que dura o obradoiro e 3 meses máis, no caso de obter un contrato nunha empresa”, detallou Feijóo.

Os beneficiarios destas axudas serán os concellos, as mancomunidades e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, tendo prioridade os concellos fusionados ou os proxectos promovidos por dous ou máis concellos agrupados.

Nesa liña, Feijóo detallou que esta convocatoria pon o acento na formación forestal con actuacións na contorna dos Camiños de Santiago, nas aldeas modelo ou nos programas de concellos con áreas de Reserva da Biosfera. Tamén se incidirá en actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital.

No que atinxe ao acceso, o presidente da Xunta explicou que se dará prioridade a aqueles colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo como retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas sen títulos universitarios, FP, ou con baixa cualificación, persoas con discapacidade, ou beneficiarios dun tramo da Risga.

Finalmente, Feijóo lembrou que “desde o ano 2009 levamos investidos 360 M€, organizáronse en Galicia 800 obradoiros e conseguiron emprego 17.000 galegos que participaron nestes obradoiros”.

Imaxes relacionadas