A Xunta avanza que as obras de ampliación do Ifevi estarán rematadas a finais de marzo, cun investimento autonómico de 7,3 M€

Francisco Menéndez remarca o esforzo da Xunta para ampliar o instituto feiral e favorecer Conxemar, e lembra que para avanzar e axilizar a súa execución se traballou no Nadal e tamén nas fins de semana

Subliña a aposta da Xunta polo crecemento do IFEVI, no que a Administración autonómica leva investidos 30 M€, a pesares dos intentos do Concello de Vigo por bloquear calquera iniciativa de mellora dese recinto

Remarca a importancia da dotación deportiva impulsada polo Goberno galego, que potencia a multifuncionalidade do recinto, beneficiando preto de 1.000 atletas de 15 clubs da área
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, avanzou hoxe no Parlamento que as obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) estarán rematadas a finais de marzo, logo dun investimento autonómico de 7,3 millóns de euros.

Na súa intervención hoxe na Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, Francisco Menéndez destacou o esforzo da Xunta para ampliar o recinto feiral e favorecer a feira Conxemar. Lembrou que, para avanzar de xeito rápido na súa execución se traballou no Nadal e tamén se está a facer nas fins de semana, con todos os medios posibles para poder conseguir un programa de obra que prevé o remate dos traballos a finais do mes de marzo.

Francisco Menéndez referiuse ás razóns que demoraron as obras: ademais de cuestións engadidas e imprevistas, como a campaña de vacinación levada a cabo no propio recinto de IFEVI ou a crise mundial de subministro e custos de materiais, sumouse a actuación do propio Concello de Vigo.

Neste sentido, apuntou á incapacidade do Concello de obter os terreos con anterioridade ás obras, o que implicou o descoñecemento das características xeotécnicas do solo e se traduciu, unha vez iniciados os traballos, nun importante aumento das escavacións; así como a falta de solucións por parte do Concello na xestión da mobilidade na contorna do IFEVI durante a campaña de vacinación, que afectou tamén á entrada e saída dos camións e ao ritmo de traballo.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas remarcou a aposta da Administración autonómica por incrementar a competitividade e a potencialidade do IFEVI, no que leva investidos 30 millóns de euros, a pesares dos intentos do Concello de Vigo por evitar calquera iniciativa que supoña mellorar a competitividade do recinto feiral.

Incidiu en que a Xunta aposta por unha dotación deportiva que potencia a multifuncionalidade do recinto, de xeito totalmente compatible coa súa actividade feiral, achegando novos equipamentos aos deportistas vigueses. Con este novo uso, engadiu, xa previsto no proxecto redactado para a tramitación urbanística, a Xunta está a dar resposta ás necesidades trasladadas polos propios clubs deportivos da cidade.

Trátase polo tanto, incidiu Francisco Menéndez, dunha actuación pensada por e para os atletas de Vigo e de toda a área que beneficiará preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da área viguesa.

Francisco Menéndez pediulle ao grupo parlamentario do PSOE coherencia e a mesma preocupación e reivindicación coas obras que executa o Concello de Vigo, como nunha actuación que afecta especialmente á Xunta: os accesos que está a executar o Concello na estación intermodal, que levan retraso e demorarán a posta en servizo da terminal de autobuses que constrúe a Xunta.
 

Imaxes relacionadas