Así o avanzou hoxe o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

Preto de 110.000 menores de 21 anos realizaron o ano pasado 3,3 millóns de viaxes gratis nos autobuses da Xunta grazas á tarxeta ‘Xente nova’

Ignacio Maestro salienta o seguimento continuo que fai a Xunta dos servizos de transporte para unha mellor atención das necesidades de mobilidade dos cidadáns

Destaca a coordinación dos autobuses para conectar as cidades cos servizos de AVE en Ourense, con rutas como a que sae de Lugo ás 6 horas e permite coller o primeiro tren da mañá cara a Madrid

Refírese a outras medidas pioneiras no transporte público, como a activación en xaneiro de servizos de autobús aos centros penais galegos, que beneficia a 3.000 familias

Enmarca estas melloras no Plan de Transporte Público de Galicia, cuxos novos contratos inclúen 3.400 liñas coas que se prestan 2,3 millóns de servizos ao ano

Fai fincapé no éxito do transporte compartido, que prioriza as prazas dos escolares pero permite tamén o aproveitamento dos asentos baleiros polos usuarios xerais, favorecendo a mobilidade no rural
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, destacou hoxe no Parlamento que preto de 110.000 mozos menores de 21 anos dispoñen da tarxeta ‘Xente Nova’, coa que realizaron o ano pasado 3,3 millóns de viaxes gratis nos autobuses da Xunta.

Ignacio Maestro remarcou que o Goberno galego mantén un seguimento continuo dos servizos de transporte público para optimizar a oferta, adecuarse e atender do mellor xeito posible as necesidades de mobilidade dos cidadáns.

Nesta liña de diálogo, detallou a adaptación que a Xunta está a efectuar nos servizos de autobús para coordinalos coa chegada do AVE a Ourense.

Sinalou que no mes de outubro se axustaron os horarios dos autobuses entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña ás horas de paso do tren e que no mes de decembro se reaxustaron aos novos horarios da alta velocidade. No caso de Ourense, fíxose o propio coas conexións desde Vigo, Pontevedra e Lugo. Entre eses servizos coordinados, destaca a expedición das 6 horas de Lugo a Ourense para que os lugueses que se despracen a Madrid poidan coller o primeiro tren da mañá.

O director xeral de Mobilidade salientou que, ao non habilitar Renfe estas posibilidades, o Goberno galego actúa para que os cidadáns gañen mellores conexións, especialmente cando agora van estar 4 meses sen tren entre Lugo e Monforte polas obras que se están a efectuar nesta liña ferroviaria.

Ademais destas optimizacións nas conexións coas liñas de alta velocidade, lembrou outras medidas pioneiras, como a activación, en xaneiro, de servizos específicos aos 5 centros penais da Comunidade, unha mellora que beneficia a 3.000 familias de reclusos en Galicia.

Plan de Transporte Público de Galicia

Ignacio Maestro explicou que todas estas melloras enmárcanse na liña do Plan de Transporte Público de Galicia que a Xunta culminou en decembro, coa posta en marcha de 127 concesións de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada.

Detallou que os novos contratos posibilitan máis de 57 millóns de quilómetros de servizos ao ano, que se efectúan por medio de 3.400 liñas con 53.000 paradas, nas que se prestan 2,3 millóns de servizos anuais.

Toda a información sobre estes servizos está dispoñible nun único portal, na web bus.gal, que en 2021 tivo case un millón de visitas.

Fixo fincapé na activación de 2.245 liñas compartidas, que priorizando as prazas dos escolares posibilitan tamén o uso dos asentos baleiros por parte dos usuarios xerais. Isto supuxo que, por exemplo, os concellos como Riotorto, Carballeda de Valdeorras ou A Mezquita, polos que antes non pasaba ningunha liña de autobús regular, teñan agora este servizo.

Destacou que en novembro un total de 88.550 viaxeiros regulares utilizaron estes servizos de transporte compartido, que facilita a mobilidade, especialmente no rural.

A outra modalidade novidosa de transporte, o transporte baixo demanda, dispón de 20.800 paradas e é empregada por unha media de 1.700 usuarios ao mes.

 

Imaxes relacionadas