O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria inaugurou hoxe o II Foro monográfico sobre a materia organizado polo Goberno galego

A Xunta mantén a súa aposta na innovación para consolidar un sector agrario produtivo e sustentable

Este evento serve para presentar os resultados de diferentes iniciativas apoiadas con fondos Feader e da Consellería do Medio Rural co fin de impulsar a innovación no sector produtivo primario da nosa comunidade

Nesta xornada preséntanse un total de 16 proxectos piloto rematados no ano 2021 e beneficiarios dunha achega pública de 1,5 millóns de euros xestionados pola Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou hoxe o II Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, que se celebra na Cidade da Cultura. Como xa aconteceu na súa primeira edición, o pasado mes de novembro, este evento serve para presentar os resultados de diferentes iniciativas apoiadas con fondos Feader e da Consellería do Medio Rural para así impulsar a innovación no sector produtivo primario da nosa comunidade.
Así, un comité de selección – presidido polo propio Cabarcos – está a avaliar ao longo de toda a xornada os diversos proxectos, que son presentados polos seus promotores nun formato áxil (dispoñen de dez minutos), para seleccionar varios dos que se identifiquen cunha clara vocación de transferencia cara ao sector agroalimentario galego. É dicir, co fin de trasladar ao eido produtivo as innovacións e melloras que precisa para incrementar a súa competitividade. Ademais, os promotores teñen a esixencia de identificar, en cada proxecto, os obxectivos de desenvolvemento sustentable aos que dá resposta e explicar de que maneira estas iniciativas poden contribuír ao crecemento da actividade produtiva dende un punto de vista social, económico e ambiental.
En total, son 16 proxectos pilotos os que se están a valorar, todos eles rematados no ano 2021 e que se beneficiaron das axudas para proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal na convocatoria correspondente ao ano 2019. Nese ano, a Xunta destinou a estas achegas un orzamento de 1,5 millóns de euros.
Para a avaliación destes proxectos téñense en conta factores como o seu ámbito territorial, o seu presuposto, o problema que se pretendía resolver ou a mellora que se buscaba, os resultados obtidos, a súa aplicabilidade ao sector produtivo do rural galego ou os obxectivos de desenvolvemento sustentable que resolve.
Ademais, en relación co comité avaliador desta xornada, José Luis Cabarcos salientou que está formado por responsables e técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e que conta, ademais, co prestixioso investigador – xa xubilado – do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Juan Piñeiro.

Iniciativas participantes

Entre as iniciativas participantes neste foro atópanse varias vinculadas ao desenvolvemento de produtos con trigo e millo autóctono, así como a implementación de novas técnicas para rentabilizar o cultivo da pataca. Tamén se presentan iniciativas relacionadas co sector da planta ornamental, cultivos de horta e paisaxismo.
No eido lácteo un dos estudos que se presenta hoxe xira arredor das singularidade xenéticas asociadas ao contido do leite en acedos graxos saudables, de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), e outro sobre novas tecnoloxías para a mellora do perfil en compostos bioactivos de leite de pastoreo, do Ligal. Así mesmo, un terceiro baséase na optimización da fabricación de queixos das DOP Arzúa-Ulloa e Tetilla.
No sector gandeiro destaca un proxecto vinculado á produción de carne e ovos de aves ecolóxicas como alimentos ecocardiosaudables, así como dúas iniciativas vencelladas á carne de vacún que presentan Acruga e o Craega. Neste eido, tamén se valorará un proxecto para a elaboración de “xamón de pato”, un novo produto que impulsa Ánades Galicia. Por último, relativo ao sector vinícola, preséntase un proxecto para a revalorización do bagazo centrado na economía circular, da man de Bodega Terras Gauda.

Convocatoria de axudas 2022

A convocatoria 2022 de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal está aberta e conta cun orzamento de 2,4 millóns de euros. Igualmente, está aberta a convocatoria de axudas para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) con 6,1 millóns de euros de orzamento. Así, os interesados teñen ata o vindeiro luns, 28 de febreiro para solicitar ditas subvencións de forma telemática.

Imaxes relacionadas