A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou esta tarde na Coruña na presentación do libro ‘Ingeniería, Cultura y Territorio’, de Carlos Nárdiz

Ethel Vázquez destaca a visión imprescindible da enxeñaría no deseño das infraestruturas da nova mobilidade, as estacións intermodais, como a que agarda a Coruña

Salienta que a Estratexia galega de mobilidade sostible na que traballa a Xunta aspira a ser unha ferramenta eficaz tanto no deseño das infraestruturas como na planificación axeitada dos servizos

Remarca o papel da enxeñería na conquista de cotas de benestar e a súa contribución á construción da sanidade pública, como o Novo CHUAC, que blindará a atención sanitaria pública da Coruña das vindeiras décadas

A Coruña, 9 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou hoxe a visión imprescindible da enxeñaría para deseñar con tino as infraestruturas da nova mobilidade, as estacións intermodais, como a que agarda a cidade da Coruña.

Vázquez Mourelle participou esta tarde na presentación do libro ‘Ingeniería, Cultura y Territorio’, de Carlos Nárdiz, xunto coa directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Coruña, Isabel Martínez Lage, e o decano da Demarcación de Galicia, Enrique Urcola.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor a Estratexia galega de mobilidade sostible na que traballa o Goberno galego e que aspira a ser unha ferramenta eficaz que guíe os pasos nos anos vindeiros tanto no deseño das infraestruturas, como na planificación axeitada dos servizos.

A conselleira salientou o papel da enxeñaría na conquista de amplas cotas de benestar e a súa contribución á construción da sanidade pública. Lembrou, a este respecto, que o departamento que dirixe está a colaborar na execución dos grandes centros hospitalarios que “blindarán a atención sanitaria pública nas vindeiras décadas”, como a construción do novo hospital público da Coruña, o Novo Chuac.

Tamén se referiu ao compromiso da Xunta coa ordenación do territorio e a preservación dos seus valores. Destacou, nesta liña, a implicación da Axencia Galega de Infraestruturas, ao deseñar novas pontes e realizar reformas viarias con criterios de integración paisaxística. Puxo como exemplo dese traballo a estratexia para dotar de iluminación ornamental as pontes máis emblemáticas da comunidade, ou o catálogo de rotondas, elaborado atendendo a principios de seguridade viaria pero tamén estéticos.

Ethel Vázquez fixo fincapé na evolución que ten experimentado a enxeñaría, que avanza de forma coherente coa evolución do territorio e da sociedade, máis vertebrada grazas ás estradas que unen cidades, vilas e pobos e ás autovías que conectan coa Meseta e achegan a Europa.

Referiuse, neste sentido, ao traballo aínda pendente, como a execución das autovías estatais de conexión entre as principais cidades galegas: a que conectará Lugo e Santiago ou a que debería unir Ourense con Lugo, responsabilidade do Goberno central; e ao lastre que arrastra Galicia na rede ferroviaria, que aínda agarda pola alta velocidade, xa que polo momento o AVE aínda non pasou de Ourense.

Imaxes relacionadas