Así o asegurou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia

A Xunta avanza que este mes axustará o horario do autobús de primeira hora da mañá entre Ferrol e A Coruña para atender as necesidades dos traballadores

Vázquez Mourelle explica que o autobús directo entre Ferrol e A Coruña sairá ás 06:30 horas, adiantando un pouco a saída, e pasará polo CHUAC para dar cobertura aos profesionais que entran a traballar na primeira quenda de mañá

Destaca a activación, o 10 de xaneiro de novos servizos, con 55 expedicións directas máis á semana entre Ferrol e A Coruña

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta axustará este mes os servizos de primeira hora da mañá entre Ferrol e A Coruña para atender as necesidades dos traballadores.

Vázquez Mourelle explicou que a Xunta está a traballar para axustar nas vindeiras semanas o horario e o percorrido do autobús directo entre Ferrol e A Coruña, que adiantará un pouco a súa saída, ás 6:30 horas, e pasará polo CHUAC para dar cobertura aos profesionais que entran a traballar na primeira quenda de mañá.

Lembrou que o Goberno galego comezou en outubro a reestruturación da concesión para adaptala mellor ás necesidades trasladadas polos usuarios. Para iso, sinalou, realizáronse 1.600 enquisas aos viaxeiros e solicitouse a participación dos concellos, aínda que con escaso éxito, lamentou.

Ethel Vázquez explicou que esta análise posibilitou a activación o 10 de xaneiro de novos servizos, con 55 expedicións directas máis á semana entre Ferrol e A Coruña, dos que tamén se beneficia a comarca do Eume.

Ademais a Xunta implantou o 24 de xaneiro melloras para atender as poboacións intermedias, como a nova liña Pontedeume-Miño-Betanzos, cun servizo ás 15:25 horas para trasladar os estudantes e poder enlazar co autobús directo de Betanzos á Coruña das 16:30 horas.

Tamén o Concello de Cabanas pediu incrementar algúns servizos e reaxustar os horarios noutros e a Xunta aplicou o día 24 de xaneiro esas modificacións. Así, aumentaron os servizos na liña Pontedeume-Monfero para adaptalos ao horario do instituto; fixouse un novo servizo na liña Pontedeume-Miño-Betanzos ás 14:30 horas; e estendeuse ata Miño o servizo de Ferrol das 15:30 horas.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade fixo fincapé na liña de diálogo e traballo constante da Xunta para ofrecer aos cidadáns uns transporte público que responda as súas necesidades reais. Así, recordou que os directores dos institutos de Pontedeume pediron o venres un axuste co autobús de Ferrol para que chegue antes das 9, adaptación na que xa se está a traballar para resolvela o antes posible.

Puxo en valor a vontade da Xunta para achegar solucións, ademais da aposta que está a facer polo transporte público, con iniciativas como a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 11.000 mozos menores de 21 anos de Ferrolterra viaxan de balde no autobús interurbano.

Contrapuxo o traballo do Goberno galego co do Goberno central, que continúa sen ofrecer solucións de mobilidade empregando o tren.

A este respecto lamentou que o Goberno de España non ofreza solucións de mobilidade aos veciños da zona co tren, ao non ter aínda reposto os servizos ferroviarios previos á pandemia, nin ter avanzado na necesaria modernización da liña.

Imaxes relacionadas