A Xunta completa a rehabilitación integral do CPI Pontecesures coa reparación e revestimento de paredes e teitos

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Juan Manuel Vidal, supervisou esta actuación, xa rematada e na que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu case 30.000€

A obra consistiu na corrección de deficiencias pola presenza de cuarteados, burbullas ou fendas a través dunha remodelación e tratamento con pintura antimofo previa reparación da base nunha superficie de máis de 3.200 m²

“O colexio de Pontecesures vén de quedar en perfectas condicións, xa que, tras a forte modernización de hai dous anos na que investimos 770.000€, quedaba pendente esta derradeira mellora no seu interior”, comentou o representante galego
 

Pontecesures, 9 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de completar a rehabilitación integral, enerxética e funcional do CPI Pontecesures coa reparación e revestimento das paredes e teitos que se atopaban en mal estado.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, supervisaron esta mañá esta actuación, xa rematada e na que se investiron case 30.000 euros, acompañados polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes da comunidade educativa.

“O colexio público de Pontecesures vén de quedar en perfectas condicións, xa que hai dous dende a Xunta acometemos un forte proxecto de modernización, cun investimento de 770.000 euros, pero quedaba pendente esta derradeira mellora no seu interior que xa está lista e que redundará moi positivamente na confortabilidade do centro para alumnos, docentes e o resto do persoal”, comentou o representante autonómico.

A obra consistiu na corrección de certas deficiencias que existían en paredes e teitos, que presentaban acabados de pintura deficientes, cuarteados, burbullas ou fendas, e a súa reparación a través de novos revestimentos e tratamentos con pintura antimofo previa reparación da base nunha superficie de máis de 3.200 m². Deste xeito, garántense as idóneas condicións de hixiene en todas as aulas, corredores, zonas de comunicación e escaleiras.

Cómpre sinalar que, ao longo da última década, o CPI Pontecesures beneficiouse de actuacións de mellora por parte da Xunta de Galicia por importe de 998.000 euros e, entre as mesmas, destaca especialmente a súa rehabilitación integral, que consistiu na mellora da fachada e das cubertas, a renovación das carpintarías exteriores, a dotación de novos illamentos, a colocación de falsos teitos, a instalación dun novo sistema de calefacción e o cambio das luminarias, así como a sinaléctica e a reposición dos servizos.
 

Imaxes relacionadas