A Xunta renova a colaboración coas universidades galegas para formar ao persoal de administración e servizos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiu ao acto de sinatura do convenio de colaboración

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

A Xunta, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), convocará durante este ano un total de 24 cursos e 1125 prazas dirixidas en exclusiva ao persoal de administración e servizos (PAS) das universidades galegas, ademais de darlles acceso aos programas de ofimática, idiomas, igualdade e prevención da violencia de xénero, autoformación e aos cursos da área de Unión Europea do Plan de formación de 2022. Todas estas accións formativas serán financiadas integramente pola Xunta cunha achega económica de 59.943,7 euros.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiu hoxe ao acto de sinatura do convenio de colaboración entre a EGAP e a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, e a Universidade de Vigo.
O acordo permítelle á EGAP dar acceso a estes traballadores a unha formación de calidade e actualizada sobre cuestións relacionadas coa Administración e o seu funcionamento. Grazas á sinatura deste convenio, convocaranse cursos sobre xestión de recursos humanos, subvencións, contratos do sector público, transparencia, seguridade da información ou xestión do estrés, entre outras materias.
Desde 2014, ano no que se iniciou esta colaboración, a Escola Galega de Administración Pública programou en exclusiva para o persoal de administración e de servizos das universidades un total de 240 cursos e máis de 11.600 prazas.

Imaxes relacionadas