O titular do Goberno galego asistiu este mediodía ao acto de recoñecemento ás empresas colaboradoras coa FP

Feijóo valora o compromiso de case 11.000 empresas coa FP en Galicia, convertendo esta modalidade educativa nunha das principais impulsoras do emprego de calidade

Avanza que a nova Estratexia galega de FP cara 2030 impulsará, entre outros aspectos, a innovación e dixitalización; e favorecerá o emprendemento con viveiros de empresas nos centros

No eido da internacionalización, destaca a aposta polas estancias formativas do alumnado e dos docentes no estranxeiro

Asevera que para afrontar os novos retos, o sistema educativo galego seguirá contando coa implicación das empresas, ás que se lles outorgará un distintivo co fin de recoñecer o compromiso da industria coa formación dos profesionais do futuro

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe o compromiso de case 11.000 empresas coa Formación Profesional en Galicia, convertendo esta modalidade educativa nunha das principais impulsoras do emprego de calidade.

Logo de precisar que o número de empresas colaboradoras creceu tan só na última década un 43%, Feijóo incidiu na necesidade de estreitar lazos entre o mundo laboral e o académico. Un traballo conxunto, dixo, que permite que esta formación sexa hoxe en día unha das principais catalizadoras de emprego na Comunidade, tal e como reflicten as cifras do último informe sobre inserción laboral do alumnado de FP: o 85% dos titulados no curso 2017-2018 que comezaron a busca activa de emprego estaban a traballar no 2021, unha taxa que sube no caso da FP Dual ata acadar a plena empregabilidade -97%-.

“Estamos a falar dunha das alternativas académicas e laborais de maior prestixio do sistema educativo galego, que conta con arredor de 60.000 alumnos neste curso”, salientou, subliñando que destas 11.000 empresas, 571 colaboran coa FP Dual.

Así mesmo, recordou que entre 2009 e 2021 a Xunta investiu 3.200 millóns de euros nestas ensinanzas, entre outras medidas para poñer en marcha a FP Básica para os rapaces que non finalizan a ESO, contribuíndo a reducir o abandono escolar; impulsar a FP Dual; multiplicar a oferta formativa, con 162 títulos de 23 familias formativas; e implantar os primeiros másters, que darán valor engadido aos títulos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo avanzou tamén que a nova Estratexia galega de FP, que se presentará no Consello de mañá, terá como eixe central a mellora da oferta e a consolidación dos centros integrados de FP, configurándose sobre sete piares fundamentais: formación personalizada, para definir unha oferta integrada, inclusiva e adaptada ás necesidades do tecido produtivo galego; avanzar na avaliación, recoñecemento e acreditación das competencias adquiridas a través da experiencia laboral; apostar pola difusión e a orientación; impulsar a innovación e dixitalización, a través da apertura do Centro galego de Innovación Profesional e da formación do profesorado; e favorecer o emprendemento con viveiros de empresas nos centros.

No tocante á internacionalización, o titular do Goberno galego explicou que a nova estratexia fomentará as estancias formativas do alumnado e dos docentes no estranxeiro e a estancia de alumnos doutros países en centros galegos. “E crearase tamén a rede de centros de excelencia”, engadiu como sétimo eixe.

O presidente da Xunta concluíu aseverando que para afrontar os novos retos o sistema educativo galego seguirá contando coa implicación das empresas, ás que se lles outorgará un distintivo co fin de recoñecer o compromiso da industria coa formación dos profesionais do futuro.

Imaxes relacionadas