O conselleiro de Sanidade resalta a xenerosidade da poboación galega coa doazón de sangue e lembra a necesidade de participar nas campañas de doazón

Julio García Comesaña doou hoxe na unidade móbil que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue desprazou ata os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro

A Consellería de Sanidade agradece á totalidade dos doantes de sangue a súa inestimable colaboración e compromiso co xesto solidario da doazón

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, doou esta mañá sangue na unidade móbil desprazada ata o complexo administrativo da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañado pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.

O titular de Sanidade salientou a necesidade de doar sangue e apelou ao altruísmo e xenerosidade da poboación galega para que doen. Así mesmo, remarcou a excelente resposta da cidadanía galega, sempre disposta a colaborar para acadar a cifra de entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias, que posibilitan o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais da nosa comunidade.

O conselleiro tamén lembrou que todos os cidadáns que desexen doar sangue pódeno facer nos locais permanentes de doazón das sete grandes cidades galegas ou nalgunha das dez unidades móbiles que se desprazan, ao longo da semana, a máis de corenta concellos de Galicia.

Campañas informativas

A Consellería de Sanidade subliña que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue leva a cabo, durante todo o ano, diversas campañas de información e sensibilización destinadas a promover as diferentes formas de doazón, polo que invita a cidadanía, empresas, institucións e os diferentes colectivos dos distintos ámbitos da sociedade galega a levar a cabo iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria e xenerosa cara a doazón de sangue.

Para este fin, a cidadanía dispón da web, ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais como forma de comunicarse con ADOS, ou ben para resolver calquera dúbida que teña que ver coa doazón.

Imaxes relacionadas