Conde defende que Galicia conta cun modelo eólico garantista para o desenvolvemento deste sector

Reitera que a Xunta só vai autorizar aquelas iniciativas que conten con todos os informes sectoriais favorables e que, polo tanto, cumpran cos requisitos establecidos na Lei galega do sector eólico e na Lei estatal de avaliación ambiental

Avanza que o Goberno autonómico vai recorrer ante o Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o parque eólico de Corme (Ponteceso)
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe que Galicia conta cun modelo eólico garantista para o desenvolvemento deste sector que pon á disposición dos concellos, da cidadanía e das entidades interesadas a documentación de cada proxecto para que poidan consultalo.

Así o manifestou en resposta a unha interpelación no Pleno da Cámara galega onde remarcou que a Xunta só vai autorizar aquelas iniciativas que conten con todos os informes sectoriais favorables e que, polo tanto, cumpran cos requisitos establecidos na Lei galega do sector eólico —que impide a construción de parques en Rede Natura e fóra das áreas do Plan sectorial eólico—, e na Lei estatal de avaliación ambiental.

Nese sentido, Conde destacou que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o parque eólico de Corme (Ponteceso) —que a Xunta vai recorrer ante o Supremo—, avala a vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia, e non pon en cuestión os criterios técnicos e ambientais que levaron a aprobar o proxecto nin as sucesivas leis de axilización administrativa aprobadas pola Administración autonómica.

Tanto a Lei de implantación empresarial como a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia establecen medidas adicionais para garantir un desenvolvemento eólico racional e sustentable, cunha moratoria de ano e medio para poder tramitar os 275 expedientes que hai agora sobre a mesa, e cunha nova limitación na distancia dos aeroxeradores para os novos proxectos, pasando de 500 metros a 5 veces a altura do aeroxerador.
Conde apuntou que, ademais de garantir a máxima seguridade xurídica ao sector, a Xunta de Galicia está comprometida coa transparencia e, por iso, está a impulsar diferentes ferramentas para achegar información de xeito máis accesible. Entre elas a rede de información provincial de proxectos eólicos, que leva máis de medio cento de reunións cos concellos; a Guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico, dispoñible en web; e a Oficina de información a propietarios de terreos, para facilitar orientación sobre a normativa aplicable e métodos e criterios de valoración. Ademais, a Administración galega conta con 70 profesionais adicionais que, como persoal de reforzo, colaboran na tramitación dos proxectos.