A conselleira de Política Social,Fabiola García, visitou esta mañá o centro que presta servizo a Teo e Ames

Galicia chegará ao medio cento de unidades de atención temperá ao longo deste ano 2022

O DOG publica hoxe a nova convocatoria de axudas para que Concellos ou agrupacións de Concellos poñan en marcha este servizo, que busca detectar e previr o risco de trastornos en nenos de entre 0 e 6 anos

A conselleira salientou a necesaria colaboración institucional para levar a cabo proxectos que melloren a vida das galegas e os galegos, como este recurso preventivo

O Goberno galego duplica no ano 2022 o orzamento destinado a este servizo ata os 6,2 millóns de euros, o que permitirá a apertura de novos centros e consolidar os xa existentes

Teo (A Coruña), 8 de febreiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá a unidade de atención temperá de Teo e Ames coincidindo coa nova convocatoria de axudas para que os concellos ou agrupacións de concellos poñan en marcha este servizo. Alí salientou a necesaria colaboración institucional para poñer en funcionamento proxectos que melloren a calidade de vida das galegas e galegos, como é o caso destes centros, que permiten que os nenos de entre 0 e 6 anos con trastornos ou con risco de padecelos gañen benestar no presente e calidade de vida no futuro.

“As unidades de atención temperá en Galicia aínda son unhas grandes descoñecidas malia que están a facer un traballo excepcional, intenso con todos os nenos pequenos, pero sobre todo de proximidade con todas as familias”, salientou Fabiola García. Lembrou, neste sentido, que nos últimos doce anos a Xunta reforzou a aposta pola atención temperá ao multiplicar por dez a súa extensión. Pasou de cubrir 15 concellos no ano 2009 a atender a 167 na actualidade.

Este servizo é fundamental para actuar sobre os trastornos que poden sufrir no desenvolvemento os nenos de ata 6 anos. É un modelo baseado na prevención, na identificación e no tratamento precoz e facilita aos pequenos ferramentas para gañar autonomía desde a infancia.

Duplicar o investimento

Por iso, o Goberno galego, adiantou a conselleira de Política Social, duplicará no ano 2022 o orzamento destinado a este servizo ata chegar aos 6,2 millóns de euros. Isto permitirá a consolidación das 36 unidades xa existentes, e a creación doutras novas ata chegar a un total de 50. Ademais, buscarase mellorar o seu funcionamento e a calidade do servizo.

En concreto, esta nova orde incrementará nun 5% os fondos que a Xunta destina a cada unha destas unidades, para sufragar custes de mantemento do local, de luz ou de material e pasará de financiar o 90% das horas de atención que se ofertan a facelo no 100%. Na actualidade, ademais das unidades de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos de atención temperá nos hospitais públicos e tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños, xestionadas pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT).

Unha achega multiplicada por oito

A conselleira de Política Social sinalou, así mesmo, que a unidade de Teo e Ames viu multiplicada preto de oito veces nos últimos tres anos a achega que reciben da Xunta, que pasou dos 8.500 euros que recibiu en 2018 ata os 62.000 deste exercicio, o que permitirá ao centro xestionado por estes dous concellos ampliar o número de nenos atendidos de 30 a medio cento ao longo deste ano.

Imaxes relacionadas