Os pacientes vítimas de accidentes de tráfico e as súas familias recibirán asistencia nos hospitais galegos grazas a un acordo entre Xunta e Fundación A

O conselleiro de Sanidade vén de reunirse con representantes desta entidade, coa que o Sergas asina un convenio para ofrecer apoio emocional e orientación legal e sociosanitaria a estas persoas

A Xunta avanza así no cumprimento dun mandato parlamentario dirixido a mellorar os protocolos de atención ás familias no caso de falecemento en accidente dalgún dos seus membros

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo hoxe unha reunión con Teresa Viejo e Inocencio Gutiérrez, representantes da Fundación A Víctimas de Tráfico, dedicada ao apoio e asistencia das persoas afectadas por accidentes de tráfico. Acompañados polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores e pola vicexerente do mesmo, Mercedes Castro, analizaron a implantación do convenio que Sergas e Fundación A porán en marcha.

Conforme a este acordo, o Sergas comprométese a facilitar ao persoal desta Fundación espazos e acceso aos responsables sanitarios nos hospitais da rede pública galega, para que estes podan ofrecer ás persoas accidentes e ás súas familias tanto apoio emocional, con persoal especializado en psicoloxía de emerxencias. como orientación legal e sociosanitaria, para facilitarlles o exercicio dos seus dereitos legais e o acceso ás prestacións sociais e sanitarias dispoñibles, actuando como intermediarios en colaboración con outras entidades.

O desenvolvemento desta labor estará suxeito, tal e como fixa o convenio, ao previo consentimento da vítima e familiares e ao debido deber de confidencialidade.

Mandato parlamentario

Coa posta en marcha deste acordo coa Fundación A, o executivo galego avanza no cumprimento dun mandato emanado da Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, que instaba á Xunta a “revisar e mellorar os protocolos de atención ás familias no caso de falecemento en accidente dalgúns dos seus membros”.

As actuacións planificadas entre Sergas e Fundación A van máis alá, estendendo estes recursos de atención ás familias (e ás propias vítimas) aos accidentes de tráfico sen resultado de morte e garantindo, en todos eles, a existencia de persoal cualificado para prestar apoio emocional e psicolóxico.

Imaxes relacionadas