O presidente da Xunta respondeu esta mañá as preguntas dos grupos no Pleno da Cámara

Feijóo incide no compromiso da Xunta en materia de vivenda, reflectido no primeiro Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, do que se beneficiarán 70.000 familias

Precisa que neste 2022 a Xunta conta cun orzamento de 124 millóns de euros para promover a construción de 2.283 vivendas

Propón un pacto para transparentar o tempo medio de outorgamento de licenzas nos concellos de Galicia en favor da vivenda pública

Lamenta que algúns alcaldes estean a bloquear as actuacións da Xunta para construír, rehabilitar ou urbanizar solo residencial, co fin de poñer á disposición dos veciños máis vivendas protexidas

Pide novamente ao Goberno central que rectifique sobre o proxecto de Lei de vivenda, que invade, tal e como advertiron a Xunta e o Consello Xeral do Poder Xudicial, as competencias das comunidades

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu no compromiso da Xunta en materia de vivenda reflectido no primeiro Pacto social pola vivenda 2021-2025, asinado en xaneiro de 2021 por todos axentes. Unha iniciativa que destinará 433 millóns de euros ao desenvolvemento das políticas públicas en materia de vivenda, rehabilitación e solo residencia; e que aspira a mobilizar un investimento público-privado de 1.080 millóns de euros, ademais de beneficiar a 70.000 familias.

Nesta liña, recordou tamén o esforzo da Administración autonómica levado a cabo nos últimos anos para facilitar o acceso á vivenda, a través de programas de axudas ao alugueiro, á rehabilitación ou á adquisición. Un esforzo que fixo posible: que máis de 23.000 persoas se beneficiasen das axudas ao alugueiro; levar a cabo a rehabilitación de máis de 7.000 vivendas en 2021 —279 delas por iniciativa dos concellos—; que preto de 500 mozos menores de 35 anos puidesen adquirir unha vivenda en concellos pequenos; ou que 42.000 persoas se beneficiasen da baixada dos impostos vinculados á adquisición de vivendas.

Así mesmo, precisou que neste 2022 a Xunta conta cun orzamento de 124 millóns de euros para promover a construción de 2.293 vivendas -512 de promoción pública, 65 rehabilitadas a través do Rexurbe e 1.716 vivendas protexidas en relación ao solo residencial-.

Sobre este punto, referiuse a modo de exemplo á situación en concellos como o de Vigo, que leva un ano sen outorgar a licenza de urbanización para desenvolver a ampliación do polígono de Navia; o de Ferrol, onde a Xunta segue pendente das licenzas para rehabilitar máis dunha decena de edificios no centro histórico; “ou o de Lugo, onde nove meses despois, seguimos á espera da licenza de ocupación tras rematar varias vivendas”, engadiu.

Durante a súa intervención no Pleno da Cámara para responder ás preguntas do grupos, o titular do Goberno galego propuxo hoxe no Pleno da Cámara un pacto para transparentar o tempo medio de outorgamento de licenzas nos concellos de Galicia en favor da vivenda pública.

“Sería un gran pacto”, aseverou Feijóo, lamentando que algúns alcaldes estean a bloquear as actuacións da Xunta para construír, rehabilitar ou urbanizar solo residencial, co fin de poñer á disposición dos veciños máis vivendas públicas.

Feijóo aproveitou a súa intervención para pedir novamente ao Goberno central que rectifique sobre o proxecto de Lei de vivenda, que invade, tal e como advertiron a Xunta e o Consello Xeral do Poder Xudicial, as competencias das comunidades.

Imaxes relacionadas