A Xunta recibe as ofertas de 14 empresas para a execución dunha senda na estrada AC-301 no concello de Rois, que suporá un investimento de 725.000 €

A senda partirá da contorna do polígono, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301

As obras incluirán unha mellora puntual do trazado da vía e a reconstrución dunha intersección, mantendo o sistema de semiglorieta
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022.- A Xunta recibiu as ofertas de 14 empresas para a execución dunha senda na estrada autonómica AC-301, no concello de Rois, que suporá un investimento autonómico de 725.000 euros.

Este itinerario na AC-301 terá unha lonxitude de 820 metros, un ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón en cor.

A senda iniciarase na contorna das naves do polígono industrial, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301.

No cruce entre estas dúas estradas, materializada mediante unha glorieta situada á altura do punto quilométrico 2+250 da AC-301, a senda discorrerá polo bordo oeste, aproveitando a berma existente no muro do estribo do viaduto da liña ferrocarril de alta velocidade A Coruña–Vigo.

O itinerario irá pola marxe da estrada en todo o percorrido e separado da calzada por un bordo de 10 centímetros sobre o pavimento da plataforma, agás no treito de intersección da estrada AC-301 coa antiga AC-299.

Ademais, na zona do punto quilométrico 2+450 mellorarase o trazado actual do tronco aumentando os radios de curvatura e repoñerase o camiño de servizo. No punto 2+520 reconstruirase a intersección na marxe dereita, mantendo a tipoloxía de semiglorieta.

A Xunta continúa traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.