A Xunta solicita ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia prorrogar a necesidade de presentar o certificado covid-19 nos ámbitos actuais

De ser ratificada a medida polo TSXG será preciso exhibir os certificado covid-19 até o vindeiro de 26 febreiro

A medida continuaría a ter vixencia nos eidos da hostalería, restauración, lecer nocturno, centros sociosanitarios e albergues, entre outros

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de solicitar ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia prorrogar a obrigatoriedade de presentar os certificados covid-19 ata o vindeiro día 26 de febreiro, nos ámbitos actuais.
Os indicadores epidemiolóxicos, amosan unha tendencia descendente, tanto na taxa a 7 días (1.034 casos por cada 100.000 habitantes), como na taxa a 14 días (2.393 casos por cada 100.000 habitantes). Non obstante, estes valores seguen a ser elevados, o que indica que o virus continúa a ter unha elevada circulación.
Por este motivo, é importante que as autoridades sanitaria manteñan determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación do coronavirus, e así a facer fronte á crise sanitaria derivada da covid-19.
Cómpre lembrar que non existe ningunha medida de prevención que por si soa poida evitar completamente os contaxios polo virus Sars-CoV-2, sobre todo cando estes contactos se produzan sen que se poida garantir totalmente as medidas de prevención non farmacolóxicas que se aplican na maioría de ámbitos, como son, o uso da máscara en todo momento ou o mantemento da distancia interpersoal de seguridade.
De ser ratificado polo Tribunal Superior de Xustiza, medida prorrogaríase nos seguintes ámbitos.
- establecementos de restauración, hostalaría, lecer nocturno e de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración;
- visitas a persoas hospitalizadas, así como acompañantes nos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise;
- visitas e acompañantes en centros sociosanitarios, residenciais de maiores e de persoas con discapacidade
- albergues turísticos;
- práctica da actividade física e deportiva non federada en centros ou instalacións deportivas pechadas e piscinas cubertas;
- eventos multitudinarios ou aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante os mesmos.
Sanidade lembra que é preciso manter un comportamento social de cautela e autoprotección asentado nas premisas de hixiene respiratoria e das mans; distancia interpersoal de seguridade; uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.
O feito de exhibir o certificado covid constitúe unha medida adicional de seguridade naquelas actividades de maior risco, contribuíndo a diminuír o risco de transmisión, padecer a enfermidade dun xeito grave, ou a xeración de abrochos. Ademais, a día de hoxe en día é preciso o certificado covid-19 para viaxar a determinados países. Deste xeito, Galicia segue a apostar por presentar os certificados covid-19 como unha medida de prevención que ten como valor engadido, ademais, o fomento da vacinación e a realización de probas diagnósticas.