Os concellos dispoñen de case 2,5 millóns de euros da Xunta para rehabilitar inmobles e ofrecer vivenda pública aos veciños

Hoxe abre o prazo de solicitude de dúas liñas de axuda: unha para facilitar a recuperación de inmobles de titularidade municipal, por un importe de 2,1 millóns de euros; e a segunda, a de infravivenda rural, cun orzamento de 370.000 euros

En ambos casos, as subvencións, que se poden solicitar ata o 1 de xuño, están pensadas para os concellos máis pequenos, co fin de que poidan ampliar o banco municipal de vivendas coas que facilitar un alugueiro aos veciños que máis o precisen

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude de dúas liñas de axudas dirixidas exclusivamente aos concellos para ofrecerlles a posibilidade de rehabilitar inmobles e ofrecer vivenda pública aos seus veciños.

Trátase das subvencións para a recuperación de inmobles de titularidade municipal, cun orzamento de 2,1 millóns de euros, e para a rehabilitación de infravivenda rural, que este ano conta cunha partida de 370.000 euros.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ofrece un investimento de case 2,5 millóns de euros para recuperar o patrimonio edificatorio dos concellos, coa que ofrecer unha solución residencial aos veciños que máis o precisan.

A resolución destes incentivos saíu onte mesmo publicada no Diario Oficial de Galicia. Pódense solicitar ata o 1 de xuño e as peticións deberán presentarse preferentemente por vía telemática.

Vivendas titularidade municipal

A de 2022 é a sexta convocatoria do programa de vivendas de titularidade municipal, que ten por obxectivo prestar apoio aos concellos de menos de 20.000 euros para que poidan rehabilitar edificacións da súa propiedade que se atopan en desuso, e definir novos fogares, que se adxudicarán en réxime de alugueiro entre os demandantes de vivenda do termo municipal.

Os concellos solicitantes poden acceder a unha axuda de 40.000 euros, que se ve incrementada en 8.000 euros máis se este inmoble está nun concello con ámbito histórico ou no Camiño de Santiago.

A Xunta aposta un ano máis por este programa dado o éxito e interese desta iniciativa nos anos anteriores. Nas cinco convocatorias xa resoltas concedeu axudas por 6,3 millóns de euros, cos que se facilitou a recuperación de 176 vivendas en 43 municipios.

Infravivenda

A segunda orde de axudas convocada é o programa de infravivenda rural, pensado para os concellos de menos de 10.000 habitantes.

Ao abeiro desta liña, as administracións locais poden acceder a axudas de ata 15.000 euros para levar a cabo obras que melloren o estado daqueles inmobles que non reúnen as condicións de habitabilidade.

As entidades locais poden solicitar incentivos, por exemplo, para realizar a rehabilitación de elementos exteriores, das condicións estruturais e de seguranza, e da accesibilidade, así como para mellorar a habitabilidade.

Asemade, tamén será subvencionable a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior.

Cómpre recordar que desde a posta en marcha deste programa, a Xunta xa ofreceu axudas por importe de 1,4 millóns de euros, cos que se facilitou actuar en 117 inmobles.

Imaxes relacionadas