O DOG publica o Plan de inspección dos servizos sociais para 2022, que prevé chegar ás 1574, un 10% máis ca o ano anterior

A Xunta prevé realizar 540 supervisións en materia de familia e menores; 611 na de maiores e dependencia; e 423 na de inclusión

Visitaranse o 100% dos centros de menores, as entidades que xestionan adopcións internacionais e os Puntos de Encontro Familiar, así como o 80% das residencias de maiores

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a o Plan de Inspección dos Servizos Sociais para o ano 2022, que ten como obxectivo seguir mellorando a prestación destes servizos e chegar ás 1574 comprobacións do cumprimento da normativa, un 10% máis que durante o presente exercicio.

En materia de familia e menores realizaranse 540 inspeccións para revisar o 100% dos centros de menores e o 52% dos centros de atención á infancia. Ademais, acudirase ao 100% das entidades que xestionan adopcións internacionais e os Puntos de Encontro Familiar.

Na área de maiores, discapacidade e dependencia faranse 611 visitas para supervisar o 80% das residencias de maiores —10 puntos máis que no último ano—, o 38% dos centros de día de maiores e das residencias de discapacidade e o 52% dos centros de día de discapacidade. Por último, na área de inclusión e servizos comunitarios, contémplase facer 423 visitas dos equipos da Xunta.

Balance 2021

Así mesmo, o Consello da Xunta fixo balance sobre o cumprimento do plan do ano pasado. Durante o 2021 realizáronse 1425 inspeccións nos centros de servizos sociais. Merece mención especial as 350 que se levaron a cabo na área de maiores ou as 300 en centros de atención á infancia.