A conselleira de Política Social acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou este proxecto ante medio milleiro de veciños e veciñas

Fabiola García expresa a súa confianza en que Ourense 'non deixará escapar a oportunidade' de ter unha nova residencia pública de maiores

Este centro permitirá a creación de 120 novas prazas públicas, 110 postos de traballo e aproveitar unha parcela como a da antiga estación de autobuses do Pino

A Fundación Amancio Ortega investirá 12 millóns de euros na construción e equipamento dun centro que incluirá a creación dunha unidade psicoxeriátrica para maiores con alzheimer e outras doenzas
 

Ourense, 8 de febreiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, expresou a súa confianza en que Ourense “non deixará escapar a oportunidade” de ter unha nova residencia pública de maiores. Esta tarde mantivo un encontro con medio milleiro de veciños e veciñas para presentar o proxecto que financiará, equipará e construirá a Fundación Amancio Ortega cun orzamento de 12 millóns de euros.

A conselleira lembrou que a residencia será unha das mellores de Europa e ofrecerá un servizo de atención a 120 persoas maiores nunhas instalacións de vangarda. Así mesmo, permitirá crear 110 postos de traballo nun sector en auxe coma o dos coidados e dinamizará a vella parcela da estación de autobuses.

Fabiola García apuntou tamén que este centro incorporará as melloras do novo modelo de residencias deseñado en Galicia. Contará cunha novidosa unidade psicoxeriátrica para maiores con alzheimer ou con outras doenzas e cunha mellor integración dos ámbitos sanitario e sociosanitario.

Unha das claves do Ourense do futuro

A conselleira de Política Social convidou aos máis de 500 veciños presentes no acto a imaxinarse como sería Ourense a día de hoxe sen a Ponte Romana, a do Milenio, As Burgas ou o campus das Lagoas. “Esta residencia será unha das claves do Ourense do futuro, e os nosos fillos e netos non se poderán imaxinar a cidade sen ela”, afirmou.

Manterase un diálogo constante cos veciños para que as rúas do entorno deste centro cumpran coas súas expectativas e tamén se crearán novas zonas axardinadas, para que este centro se converta nun novo “pulmón verde” da cidade, en palabras da conselleira. Indicou que “ningunha parcela é mellor ca esta” para levantar este centro, pois ofrece 14.000 metros cadrados para a construción da residencia e dunha zona verde.

Fabiola García formulou o seu desexo de que “á terceira vaia a vencida” e que o pleno extraordinario do Concello de Ourense deste venres 11 de febreiro desbloquee a situación da residencia. “Isto non vai de siglas políticas. Isto non vai de afinidades persoais. Isto non vai do que se votase en ocasións anteriores. Isto non vai de pasado, isto vai de futuro”, concluíu.

Imaxes relacionadas