A Xunta destinou máis de 140.000 € á construción dunha nova ponte sobre o río Saramo en Quián

Esta actuación incluíuse dentro do Plan de Infraestruturas Rurais, unha das medidas da Administración galega para contribuír a asentar poboación nos concellos rurais da provincia da Coruña

Boqueixón (A Coruña), 8 de febreiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, supervisaron o resultado das obras de construción dunha nova ponte levadas a cabo na ponte sobre o río Saramo en Quián, que contaron cun apoio da Xunta de máis de 140.000 euros.
Esta actuación incluíuse dentro do Plan de Infraestruturas Rurais 2020, unha das medidas da Administración galega para contribuír a asentar poboación nos concellos rurais da provincia da Coruña “creando novos servizos e mellorando infraestruturas básicas como son as vías de comunicación”.
A nova ponte construíuse con formigón armado cun ancho de muro de 40 cm. A actuación completouse coa colocación dun pretil metálico sobre a nova estrutura prolongada con barreira de seguridade, ca rexeneración paisaxística do entorno, ca revexetación dos noiros e ca reposición do treito de beirarrúa para adaptala á nova rasante para finalmente levar a cabo o repintando das marcas viais.
O delegado da Xunta puxo en valor este tipo de actuacións “que complementan outros programas e iniciativas da Consellería do Medio Rural, e incluso doutros departamentos autonómicos, orientados a seguir mellorando as infraestruturas, a conectividade e, en definitiva, a calidade de vida dos galegos que viven fóra dos núcleos urbanos e que, en moitos casos, se adican ao sector primario”.

Imaxes relacionadas