Augas de Galicia notifica a declaración do estado de prealerta os 143 municipios dos 12 sistemas de abastecemento da demarcación afectados

A Xunta convoca este xoves a Oficina Técnica da Seca para coordinar o seguimento tras a declaración do estado de prealerta por seca na demarcación Galicia-Costa

A activación da prealerta permite intensificar o seguimento da situación, estando garantido o abastecemento de auga á poboación

A Oficina Técnica da Seca está integrada pola dirección e os servizos territoriais e de planificación de Augas de Galicia, así como polos servizos de Protección Civil, de Meteogalicia e do Medio Rural

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2021

A Xunta vén de convocar a Oficina Técnica da Seca para este xoves co obxectivo de facer un seguimento coordinado dos sistemas de abastecemento de auga, tras declararse onte o estado de prealerta por seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, activou este luns o estado de prealerta por seca en 12 dos 19 sistemas de abastecemento da bacía de competencia autonómica co fin de intensificar o seguimento da situación, estando garantido o abastecemento de auga á poboación. Os 7 sistemas restantes, correspondentes coa zona norte da Comunidade, mantéñense en niveis de normalidade.

En concreto, está activado o estado de prealerta por seca nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita); río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos. Os 7 sistemas restantes, correspondentes coa zona norte da Comunidade, mantéñense en niveis de normalidade.

A activación da prealerta por seca nestes sistemas de abastecementos é dunha medida preventiva da Xunta que busca a anticipación ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.

A Oficina Técnica da Seca, que se reunirá este xoves, está integrada pola dirección e os representantes dos servizos territoriais e de planificación de Augas de Galicia, así como os servizos de Protección Civil, Meteogalicia e de Medio Rural, dependentes, respectivamente, da Vicepresidencia Primeira; da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; e da Consellería do Medio Rural.

Comunicación aos concellos


A situación de prealerta implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía.

Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento, pasando dun seguimento mensual a un análise cada 15 días e avaliando un abano máis amplo de indicadores.

Ademais, segundo estable o Plan de Seca da Demarcación Galicia-Costa, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 agosto de 2013, Augas de Galicia está a remitir no día de hoxe un escrito aos alcaldes dos 143 municipios dos 12 sistemas de abastecemento da Demarcación nos que onte se activou o estado de prealerta da seca hidrolóxica.

De acordo co establecido no Plan, a Xunta comunícalle formalmente aos municipios a activación nestes sistemas de explotación do ámbito competencial de Galicia-Costa do estado de prealerta hidrolóxica, de cara a realizar unha eficiente xestión da situación e para pór en marcha as medidas necesarias para paliar e diminuír, na medida do posible, os efectos dun posible escenario de seca.

Na comunicación aos concellos Augas de Galicia traslada medidas estratéxicas que se propoñen adoptar neste estado de prealerta, nas que se inclúen o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores de seca e o intercambio e actualización da información.

Tamén se incide nas medidas de concienciación cidadá acerca da escaseza de auga e da necesidade de aforro, a través de campañas e bandos municipais; así como no control do usos e detraccións do recurso desde o organismo de conca e o control dos usos a nivel dos concellos ou sistemas de abastecemento.

A Xunta lembra, ademais, que Galicia é unha comunidade mellor preparada para afrontar estes episodios, tras a aprobación dunha lei pioneira, a Lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de emerxencia sanitaria.

Dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo unha labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.

Na carta remitida tamén se lles solicita aos concellos que anticipen as medidas que consideren precisas en caso de que a situación se vexa agravada e que comuniquen a Augas de Galicia calquera incidencia que se produza no seu municipio.