As axudas da Xunta ás industrias culturais en 2021 suman un investimento de 8,5M€ en máis de 380 entidades e empresas do sector

O DOG publica hoxe a relación dos 505 proxectos beneficiarios das 15 convocatorias de subvencións convocadas o ano pasado pola Axencia Galega das Industrias Culturais, cun incremento de máis do 47% na contía global das adxudicacións

Trátase dunha das principais vías de apoio aos sectores do audiovisual, a música e as artes escénicas deste departamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xunto co seu plan de convenios e iniciativas como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, Música en Salas, Propulsa e FEST Galicia, entre outras
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación dos 505 proxectos beneficiarios en 2021 das 15 liñas de subvencións convocadas pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, que suman unha inxección directa de 8,52 millóns de euros nos ámbitos do audiovisual, as artes escénicas e a música. Esta contía supón un incremento superior ao 47% respecto ao ano anterior, de xeito que −en atención ás especiais necesidades económicas do sector durante a pandemia− se achegou liquidez a máis de 380 empresas culturais, entidades locais, asociacións e creadores individuais para a produción de filmes, a organización de festivais, a creación de novos espectáculos de artes escénicas, o mantemento da actividade das promotoras e das salas de música ao vivo, as xiras de formacións artísticas profesionais ou a promoción exterior da nosa cultura, entre outras propostas.

Este programa anual de axudas é unha das principais vías de investimento xestionadas o ano pasado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do seu departamento de Industrias Culturais, que reforzou o seu labor de fomento no marco do plan autonómico de reactivación do sector cultural e da celebración do Xacobeo 21-22. Outros destacados programas de impulso a estes ámbitos culturais foron a Rede Galega de Teatros e Auditorios, FEST Galicia, os ciclos Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, Música en Salas, Comicamente, O País das Bandas ou Danza 3, así como o conxunto de iniciativas apoiadas a través do plan de convenios culturais.

Novidades no audiovisual


En 2021, o audiovisual galego foi o receptor de máis de 4 millóns de euros en axudas a 109 proxectos en sete convocatorias, dúas delas postas en marcha por primeira vez: o fondo para a atracción de rodaxes, co que o pasado mes de setembro botaba a andar o Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta, e a liña para salas comerciais de exhibición cinematográfica. Completan esta relación, as subvencións a produción e coprodución audiovisual de contido cultural galego, a festivais, á promoción do talento audiovisual a través da escrita de guións e a realización de curtas e longametraxes, ao desenvolvemento de proxectos e á comercialización e difusión en mostras e foros de negocio especializados. As destinatarias deste investimento foron 75 empresas, entidades e cineastas.

No ámbito da escena, contabilízanse 64 beneficiarios para levar a cabo 107 propostas de creación e distribución de espectáculos, festivais e salas privadas. A eles engádense os 166 concellos subvencionados no marco do circuíto Cultura no Camiño para a organización tanto de funcións de teatro, danza, maxia e circo, como de música. En conxunto, a inxección económica no sector galego das artes escénicas superou por esta vía os 2,1 millóns de euros.

Por último, o investimento na industria musical acadou os 2,3 millóns de euros a través de seis liñas de subvención: ademais da actividade musical de Cultura no Camiño, as dirixidas a festivais, distribución de concertos, produción fonográfica e, como novidade en 2021, as convocatorias extraordinarias tanto para promotoras como para salas privadas no marco da programación do Xacobeo 21-22. As beneficiarias foron 81 empresas e entidades para levar a cabo 123 actividades.
 

Imaxes relacionadas