A Xunta impulsa o novo local de axuda no fogar de Mondariz e o ecoparque do Rosal coas axudas para infraestruturas de uso público

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde Xosé Emilio Barros, supervisa a reforma do soto do consistorio de Mondariz para a súa conversión na instalación e vestiario do persoal do SAF, na que o Goberno galego investiu case 34.000 €

O representante autonómico e a rexedora do Rosal, Ánxela Fernández, coñecen o novo parque infantil da zona do Calvario, concebido como un espazo natural con zonas de xogo de madeira e área de deportes que contou cunha achega da Xunta de preto de 35.000 €

Luis López informa que a Dirección Xeral de Administración Local ten aberto o prazo de solicitude desta orde de axudas, para concellos de menos de 30.000 habitantes, ata o vindeiro 11 de febreiro e na mesma inclúense alumeados, camiños, parques e sedes municipais e deportivas
 

Mondariz-O Rosal, 8 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, vén de impulsar a habilitación do novo local do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Mondariz e a creación do ecoparque infantil O Sobreiral, no Concello do Rosal, ao abeiro das axudas da orde para a mellora de infraestruturas e equipamentos de uso público do ano 2021.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou ambos concellos para realizar senllas visitas de supervisión e informou de que a convocatoria desta liña de axudas correspondente ao presente ano para os municipios de ata 30.000 habitantes ou agrupación de concellos ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 11 de febreiro.

Con esta nova orde, a Dirección Xeral de Administración Local, que financiou 1.372 actuacións por 40 millóns de euros dende o ano 2009, cofinanciará proxectos de construción, ampliación, rehabilitación ou mellora de alumeados públicos, camiños municipais, parques, dependencias municipais ou instalacións deportivas. Nesta ocasión, a Xunta destina 3,5 millóns de euros ao orzamento desta convocatoria.

“A orde de infraestruturas de uso público pretende favorecer o equilibrio entre as contornas rurais e urbanas e os espazos de costa e de interior con investimentos que permitan o desenvolvemento de equipamentos e servizos tan acaídos e necesarios comos os realizados en Mondariz e O Rosal”, significou o representante autonómico.

Visitas a Mondariz e O Rosal

Luis López arrancou estas visitas de supervisión en Mondariz xunto ao alcalde, Xosé Emilio Barros, para coñecer a conversión do antigo arquivo municipal emprazado no soto do consistorio nunha instalación con vestiarios para o persoal do SAF, conformado na actualidade por oito traballadoras que atenden a 40 usuarios deste servizo. A Xunta de Galicia destinou 33.857 euros á habilitación do vello almacén con novas instalacións, revestimentos, falsos teitos, carpintarías e dotación de cuartos de baño para que este espazo, duns 80 m2, dispoña de dous vestiarios, dous aseos e unha zona polivalente para este persoal.

Posteriormente, o delegado territorial desprazouse ata O Rosal para visitar, coa alcaldesa, Ánxela Fernández, o novo ecoparque infantil O Sobreiral, situado na céntrica zona do Calvario e que contou cunha achega da Xunta de Galicia de 34.633 euros. Neste espazo natural realizouse un acondicionamento con tres áreas de xogos –escalada, musical e de balanceo– de madeira respectuosas co medio ambiente, dotación de mobiliario, plantación de especies arbóreas, área deportiva para persoas maiores e circuito de running circular de 500 metros de lonxitude.

“Impulsamos dous investimentos moi diferentes e moi necesarios en ambos concellos, o que dá mostra da versatilidade desta orde de axudas, xa que en Mondariz fortaleceron un servizo tan necesario para a cidadanía como o da teleasistencia, mentres que no Rosal apostaron por mellorar enormemente unha zona verde baseándose nun modelo que potencia as relacións sociais, integra a contorna e favorece os valores ecolóxicos dun espazo céntrico”, concluíu Luis López.
 

Imaxes relacionadas