A Xunta supervisa as obras de mellora e reforma do centro de saúde no concello de Fornelos de Montes

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitaron hoxe o municipio pontevedrés para coñecer os traballos de mellora realizados en colaboración co concello

Desde o 2009 o Goberno galego construíu o reformou un total de 96 centros de saúde, actuando sobre unha superficie de máis de 75.000 metros cadrados e cunha inversión de máis de 120 millóns en infraestruturas sanitarias de atención primaria

Fornelos de Montes (Pontevedra), 8 de febreiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, achegáronse hoxe ata o municipio pontevedrés de Fornelos de Montes para coñecer os traballos de mellora realizados nos últimos meses no centro de saúde desta localidade.

Segundo informou Fernández-Tapias, as obras consistiron no tratamento de humidades nos muros, unha vez eliminado o revestimento existente e a impermeabilización en contacto co terreo pola fronte exterior; e o pintado do exterior e interior do edificio, incluíndo as portas e os parámetros horizontais e verticais.

Deste modo, tras un investimento de 9.056 euros, cofinanciado a partes iguais pola Xunta e o Concello, “o persoal e os pacientes contan cun centro de saúde mellor e máis confortable”, anotou a representante autonómica.

Neste sentido, Fernández-Tapias indicou que este proxecto de mellora es unha das 96 construcións ou reformas realizadas polo Goberno autonómico desde 2009, o que supuxo actuar sobre unha superficie total de 75.000 metros cadrados tras un investimento de máis de 120 millóns de euros.

Na súa intervención, a delegada territorial incidiu en que case un terzo destas intervencións foron executadas en colaboración coas administración locais, “un modelo que a Xunta continuará a empregar na procura de renovar e optimizar a calidade deste nivel asistencial”, afirmou. En 2021, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

Ao fío, Fernández-Tapias referiuse ao Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, ao abeiro do que se vén de licitar o novo Centro de Saúde Olimpia Valencia, e que suporá a posta en marcha de 37 novos centros de saúde, a ampliación ou reforma doutros 14 e beneficiará de xeito directo ao 25% da poboación galega.

Para terminar, a representante autonómica puxo en valor que o investimento na área de Vigo permitiu construír tres novos centros -San Paio de Navia, Bouzas e Taboada Leal- e tres reformas –Lavadores, Coia e rúa Cuba-. A isto súmanse outros cinco novos centros -Tui, Oia, Panxón, Gondomar e Salceda de Caselas- e dúas reformas –Tomiño e Pazos de Borbén- no resto da área sanitaria. Asemade, lembrou que xa están adxudicadas as obras de reforma do centro de saúde do Porriño e o proxecto do novo centro de saúde de Moaña.

Imaxes relacionadas