A Xunta apoia ao concello de San Amaro coa reforma e mellora do alumeado público

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as actuacións levadas a cabo no núcleo de San Amaro

A renovación dos cadros de mando, dos tramos de cableado e das tomas de terra e a instalación de luminarias LED máis eficientes contribuíron a un importante aforro enerxético
 

San Amaro (Ourense), 8 de febreiro de 2022.- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañadA do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe o concello de San Amaro, onde a Xunta colaborou na reforma e mellora do alumeado público cunha axuda de 27.700 euros.

O Goberno galego apoiou ao municipio na reparación e mellora da iluminación do núcleo urbano de San Amaro coa substitución e reforma dos cadros de mando e protección, a revisión e o cambio dos tramos de cableado, así como a renovación das luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED con óptima asimétrica de alta potencia e eficiencia e a execución de tomas de terra. Estas actuacións leváronse a cabo en pistas, camiños e estradas no núcleo de San Amaro e permitiron un importante aforro enerxético, tanto desde o punto de vista económico como na preservación do medio ambiente.

A axuda concedida pola Xunta alíñase cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), que conta este ano cun orzamento de 11,3 millóns de euros co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios galegos.

Entre as accións subvencionables do fondo inclúese a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables. Coa renovación do alumeado público e outras medidas de eficiencia enerxética, a Xunta apoia aos concellos na conservación da biodiversidade e na protección do medio ambiente e do espazo natural. Mostra deste apoio son os 2.300 proxectos que o Goberno galego cofinanciou en colaboración coas entidades locais desde a posta en marcha do Fondo de Compensación Ambiental en 2010, achegando máis de 108 millóns de euros.

No concello de San Amaro, a Xunta colaborou a través deste fondo en distintas actuacións de renovación de alumeado público, así como nos gastos de funcionamento do servizo de protección ambiental da Mancomunidade de municipios da comarca do Carballiño, do que San Amaro forma parte con Beariz, Boborás, O Incio e Piñor.

Natalia Prieto incidiu na importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza e que no caso de San Amaro supuxo nos últimos anos un investimento de máis de 338.500 euros. Tamén destacou a cooperación entre os propios municipios en proxectos conxuntos para ser máis eficientes e aforrar custos.
 

Imaxes relacionadas