A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia o cambio de titularidade a prol do Concello de Verea dun antigo treito da estrada OU-540, coincidente coa área recreativa da Capela da Ascensión

Transfírense un resto da marxe esquerda da antiga vía autonómica, de 123 metros, preto do tronco principal, que xa está acondicionado como área de descanso

Con esta transferencia a entidade local terá competencia para actuar nese treito e asumirá a responsabilidade da súa conservación e mantemento

O cambio de titularidade permitirá ao Concello realizar obras de mellora na área recreativa e unha xestión eficiente da mesma e da contorna da ermida

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia a prol do Concello de Verea dun antigo treito da estrada autonómica OU-540, coincidente coa área recreativa da Capela da Ascensión.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 27 de xaneiro: https://bit.ly/3uzEd8j

O Concello de Verea solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a cesión desa área recreativa, situada na marxe esquerda dun antigo treito da OU-540, para realizar obras de mellora e acondicionamento.

A estrada obxecto de transferencia é un antigo treito da estrada OU-540, un resto de aproximadamente 123 metros de lonxitude, moi preto do tronco principal, que xa está acondicionado como área de descanso e recreativa. Estas características fan que ese treito careza de funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas, formulou a proposta favorable de transferencia do treito situado na antiga OU-540, dos puntos quilométricos 30+380 a 30+490, e do seu dominio público viario asociado.

Esta transferencia a prol do Concello de Verea tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

A transferencia permitirá acadar o Concello de Verea unha xestión máis coherente e eficiente da área recreativa e da contorna da ermida da Ascensión de Gontán.

O decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia.