Preto de 200 beneficiarios recibirán máis de 2,6 ME da Xunta para reestruturación e reconversión de viñedos nunhas 250 hectáreas de superficie

Estas subvencións están destinadas a operacións encamiñadas á reimplantación de viñedo, á reconversión varietal ou á mellora das técnicas de xestión da viña

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da orde de 2021 para apoiar a reestruturación e reconversión da viña en Galicia. Así, un total de 196 beneficiarios recibirán un importe global de 2.612.414,46 euros destinados a operacións encamiñadas á reimplantación de viñedo, á reconversión varietal ou á mellora das técnicas de xestión das viñas.

A superficie de viñedo na que se vai actuar grazas a estas subvencións é de case 250 hectáreas. Por provincias, a maior parte corresponde a Pontevedra, con 114 hectáreas e 72 persoas beneficiarias. Séguelle Ourense con 98 ha e 108 expedientes aprobados, na Coruña reestruturaranse 20 hectáreas de seis viticultoras e, por último, en Lugo actuarase en 12 ha de 10 beneficiarios.

Por zonas vitícolas, o maior número de persoas beneficiarias corresponde á denominación de orixe protexida Rías Baixas, cun total de 77 expedientes aprobados. Logo sitúase a de Monterrei con 46 beneficiarios, a de Valdeorras con 34, a do Ribeiro con 28 e a de Ribeira Sacra con nove. Mentres, as indicacións xeográficas protexidas Betanzos e Terras do Navia rexistran unha persoa beneficiaria cada unha.

Os principais obxectivos destas axudas son levar a cabo reaxustes estruturais que fagan diminuír os sobrecustos de produción das explotacións vitícolas de Galicia, onde predomina o minifundio. Ademais, conséguese a mellora das técnicas de xestión das viñas e reconversións varietais para optimizar a súa orientación ao mercado adaptando as producións á demanda, á vez que se preservan as variedades viníferas autóctonas da nosa comunidade. Deste xeito, aprovéitase a elevada calidade diferenciada da uva como vantaxe competitiva nun mercado cada vez máis globalizado.

Así mesmo, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións das persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras de Galicia.

Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220208/AnuncioG0426-210122-0002_gl.html
 

Imaxes relacionadas